O BNG de Betanzos pide a elaboración dun Plan Municipal de Turismo

O Plan Municipal de Turismo marcaría e guiaría as liñas de acción política e as actuacións turísticas para lograr un desenvolvemento turístico sustentábel, competitivo e beneficioso para o conxunto da comunidade local.

O BNG tamén presentará unha iniciativa para realizar melloras nas redes de abastecemento de auga potábel e de saneamento municipais.

O BNG de Betanzos pide a elaboración dun Plan Municipal de Turismo

Betanzos, 27 de agosto de 2025. O BNG de Betanzos solicitaralle ao goberno local a redacción dun Plan Municipal de Turismo, co fin de marcar os obxectivos e as accións que foren necesarias para o desenvolvemento turístico de Betanzos de maneira sustentábel. Con esta iniciativa, as nacionalistas pretenden poñer en valor o papel de Betanzos como un dos destinos turísticos de maior envergadura da provincia da Coruña.

Segundo a concelleira Vanessa Rey, “a capacidade turística de Betanzos, sumamente positiva desde o punto de vista económico, leva consigo aspectos positivos, mais tamén aspectos negativos para o día a día da veciñanza. Con esta moción pretendemos facer fronte a estas cuestións positivas e negativas. Con este plan pretendemos estabelecer a folla de ruta para o desenvolvemento turístico brigantino”.

No BNG cren moi necesaria a elaboración deste documento, para así marcar e guiar as liñas de acción política e as actuacións turísticas para lograr un desenvolvemento turístico sustentábel, competitivo e beneficioso para o conxunto da comunidade local. 

Mellora nas rede de abastecemento de auga e de saneamento municipais

No mesmo pleno, as nacionalistas tamén presentarán unha iniciativa para realizar melloras nas redes de abastecemento de auga potábel e de saneamento municipais, como xa anunciaron logo de se produciren varias avarías nas últimas semanas.

Desde o BNG indican que a rede municipal de auga “é unha infraestrutura construída hai varias décadas e con materiais pouco resistentes, na que non se realizaron obras de grande envergadura que mellorasen a fondo o seu estado, senón que foi sufrindo pequenas reparacións que só estaban destinadas a reparar avarías puntuais”. 

Por isto, solicitan a realización dun estudo a fondo do estado da rede de abastecemento de auga potábel e de sumidoiros, tanto no Casco Histórico, como no núcleo urbano e na zona rural do municipio, co fin de detectar os posíbeis problemas que existan. Tamén instan ao goberno a realizar un cronograma para a reparación das problemáticas que lle afecten á rede de abastecemento de auga potábel e de sumidoiros, priorizando a renovación daquelas zonas en que a rede se atope en peor estado.

O BNG de Betanzos pide a elaboración dun Plan Municipal de Turismo