O BNG pide que se faga publico o proxecto do Ministerio para a Ribeira
O pasado mes de maio novamente o goberno local foi incapaz de anticiparse aos danos desviando o tránsito para evitar que vehículos e camións provocasen ondas na auga durante o seu desprazamento polo Malecón
Betanzos, 16 de xuño de 2016. O BNG trasladou de novo a Pleno a problemática da veciñanza da Ribeira coas continuas inundacións que se producen coincidindo coas mareas vivas. O pasado mes de maio novamente o goberno local foi incapaz de desviar o tránsito para evitar que vehículos e camións provocasen ondas na auga durante o seu desprazamento polo Malecón recordou no Pleno o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Vémonos na obriga de lles recordar que estas ondas amplían e agravan os danos en vivendas, baixos e negocios para prexuízo da veciñanza, engade o edil do BNG, que lamenta que en lugar de anticiparse a estes problemas para minimizar os danos, vimos como nos medios de comunicación o alcalde prometía elevar a calzada como método para eliminar as enchentes.
Que técnico municipal avala esta ocorrencia que agravaría aínda máis os problemas en baixos e negocios? Por que non se toman en serio dunha vez este problema e continúan co festival de ocorrencias e promesas que non van cumprirse?, criticou o nacionalista.
Promesas e ocorrencias ás portas das campañas electorais
O BNG considera lamentábel que ciclicamente se lle fagan promesas á veciñanza da Ribeira e reprocha que despois quedan en nada. Así, as nacionalistas recordan que o actual alcalde prometeu en campaña electoral realoxar á veciñanza que sufre as inundacións en vivendas na Condesa. Desde o BNG demandaron ao goberno local que escoite á veciñanza e tome medidas preventivas durante as mareas vivas para evitar o tráfico polo Malecón que provoca o movemento da auga e que entre nos baixos.
É evidente que hai que pensar en solucións a longo prazo e dotarnos de Plans que impidan que se siga construíndo a carón dos ríos nas zonas inundábeis mais tamén que dentro duns meses teremos inundacións de novo e temos que intentar minimizar na medida do posíbel os danos para os nosos veciños e veciñas, concluíu.
Neste sentido, indican que dado que hai un proxecto redactado por técnicos do Ministerio para reducir o impacto das enchentes do Mandeo, o lóxico é que o Estado o faga público. A partir de aí, explican as nacionalistas, o desexábel é abrir un período de alegacións e suxestións da veciñanza para melloralo. PP e PSOE levan anos falando deste proxecto, mais parece que o esconden, eles saberán por que, ironiza Del Río.