O BNG trasladou ao Pleno as queixas pola falta de visibilidade na rotonda dos Ánxeles
O BNG referiuse ao estacionamento indebido que se dá ao longo do treito inicial da rúa dos Ánxeles desde os Soportais até o antigo hotel e pediu que se lle busque unha solución
Betanzos, 13 de xuño de 2016. O BNG trasladou ao Pleno as queixas pola falta de visibilidade na rotonda dos Ánxeles. Segundo as queixas de veciñas da zona, o feito de que á glorieta accedan rúas a distinto nivel e a presenza duns colectores de lixo anclados no entronque da rúa da Cañota restan visibilidade no cruzamento.
Indican, ademais, que esta falta de visibilidade se agrava coa presenza habitual de vehículos mal estacionados a carón dos colectores, o que aínda resta máis visibilidade na rotonda. Desta forma, un condutor provinte do Camiño de San Xiao tan só ve aos vehículos que veñen da Cañota cando ambos están xa dentro da rotonda explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Tal situación de perigo, aseguran desde o BNG, podería eliminarse de optar por ubicar os colectores nunha situación onde non resten visibilidade nun cruce, retirar os vehículos mal aparcados e sinalizar debidamente a intersección cunha rotonda, que tan só está indicada con sinalización pintada na calzada. Supoño que non haberá que recordar a cantidade de coches que chegan ao centro da cidade usando este percorrido a diario, ironiza Del Río.
Ademais, o BNG referiuse ao estacionamento indebido que se dá ao longo do treito inicial da rúa dos Ánxeles desde os Soportais até o antigo hotel. Dado que toleran este estacionamento, debemos entender que planean deixar a rúa dos Ánxeles en sentido único de subida e configurar toda a mazá, desde a Fonte de Unta pasando pola Cañota até Os Ánxeles, como unha grande rotonda, preguntaron ao executivo local.
Se é esta a intención do goberno local, por que non se sinaliza e se informa debidamente á veciñanza, ironizan. E se non van facer isto, por que consenten en que todos os días se anule con estacionamento indebido o carril en dirección ao Campo de maneira que mesmo se compromete o paso de vehículos de emerxencia, engadiu Del Río.