O BNG esixe investimento nos orzamentos da Xunta para o CEIP Vales Villamarín
Amelia Sánchez: “O CEIP Vales Villamarín necesita urxentemente o inicio da segunda fase da reforma do centro, así como a ampliación do espazo que se destina ao servizo de comedor”
O BNG tamén solicitará unha partida nos orzamentos da Xunta para materializar a segregación do aulario de Infantil do Vales Villamarín
Betanzos, 3 de novembro de 2023. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de esixirlle á Xunta de Galiza que inclúa unha partida específica de fondos para a segunda fase da reforma e para o comedor do CEIP Francisco Vales Villamarín.
En palabras da voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “o centro Vales Villamarín necesita urxentemente unha mellora da fachada e do illamento térmico do edificio, un cambio nas xanelas, cambio no tellado para evitar pingueiras e filtracións, melloras na iluminación e nas dotacións do centro, así como a ampliación do comedor e outras reformas, como as que teñen a ver coa instalación eléctrica e de calefacción”.
Segundo o BNG de Betanzos, o alumnado e o persoal do CEIP Vales Villamarín conviven en dous edificios ben diferentes, con diferenzas térmicas que oscilan arredor de 3º e que implican unha forte desigualdade entre o alumnado.
Na mesma liña, as nacionalistas esixen que se solucione a situación do comedor. “A día de hoxe, o comedor do centro atende a máis de 200 alumnos e alumnas, cando está pensado para dar servizo a 80. En consecuencia, o alumnado debe xantar en dúas quendas, o que condiciona fortemente a prestación do servizo e a calidade do mesmo. É moi necesaria unha ampliación e mellora das instalacións do comedor do centro”, engadiu Sánchez.
A iniciativa foi aprobada por unanimidade de todas as forzas políticas, mais no BNG insisten en que a comunidade educativa do Vales Villamarín leva moitos anos agardando estas melloras e que o deterioro do centro se fai cada vez maior. “Estamos fartas de promesas electoralistas, a situación só mellorará cunha partida económica que solvente a problemática, o resto son palabras baleiras”, puntualizou a voceira local.
O BNG presentará unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para 2024, co fin de que inclúan partidas específicas para a reforma e ampliación do comedor do Vales Villamarín, mais tamén para que se materialice a segregación do aulario de Infantil e se converta nun centro independente.