Como é sabido pola veciñanza de Betanzos, o goberno local levou a aprobación do Pleno un plan de axuste. Un plan de axuste que incluía recortes -un 5% no gasto de persoal e un 5% no gasto corrente- e subidas de impostos, concretamente do IBI e do IVTM.
O goberno local levou este plan de axuste ao Pleno non porque quixera, senón porque estaba obrigado a facelo. O Concello de Betanzos, debido ao retraso no pago das facturas a provedores e empresas de servizos, foi adherido obrigatoriamente ao Plan de Pago a Provedores do Ministerio de Facenda, como moitas veciñas xa saben porque se puxeron en contacto con elas para que entraran nunha web do Ministerio e achegaran documentación das súas facturas pendentes co concello se querían cobrar a través deste plan. Pero a cambio de facerse cargo de pagar as facturas do concello o Ministerio esixía a aprobación dun Plan de Axuste que tiña que recoller unha serie de medidas obrigatorias: o recorte do 5% do gasto de persoal e gasto corrente e a subida ao tramo máximo do IBI e IVTM.
Mais, cómpre explicar como chegamos a este punto, chegamos a este punto pola desastrosa xestión económica do goberno do PSOE, que durante anos acumulou facturas sen pagar, que se tiñan que pagar ao ano seguinte, por gastar máis en gasto corrente do que recollía o seu propio orzamento. No ano pasado, non un pouco máis, un 50% máis, e este malgasto dos cartos de todas é o que nos leva a esta situación. Agora todas as veciñas imos pagar con subidas de impostos ou con recortes en servizos a mala xestión do goberno socialista, por iso desde o BNG nos negamos a apoiar no pleno esta xestión, da que só hai un responsábel que é o goberno local.
A situación que se presenta de cara ao futuro é moi preocupante. Semella entre PSOE e PP hai unha competición para ver quen dos dous é máis irresponsábel. Uns son os responsábeis de meter a Betanzos na situación económica en que está. Os outros de empeorala ao votar en contra do plan de axuste e preferir consecuencias aínda peores que van vir impostas polo Ministerio de Facenda.
Fronte a isto, desde o BNG dicimos que basta xa. Basta de utilizar os veciños e veciñas, que imos ser quen paguemos todo este espectáculo lamentable, para obter rédito político. Esiximos que se aclare que consecuencias concretas vai ter a situación á que se chegou despois do Pleno. Por iso pedimos un informe da Intervención Municipal ao respecto. E demandamos información real e veraz, fronte a tantas mentiras e medias verdades que están contando tanto PSOE como PP.
Cando dicimos que Betanzos merece máis referímonos tamén a isto. Betanzos necesita seriedade, responsabilidade e rigor, e non este espectáculo entre partidos para ver quen saca tallada a costa dunhas consecuencias que imos pagar todas as veciñas.