Moito se leva falando de financiamento autonómico nos últimos meses e neste momento de debate do futuro modelo de financiamento, Galiza non pode ficar como unha simple espectadora, xa que o financiamento é un tema crucial para o futuro do noso País. Para o PP e para Alfonso Rueda a solución pasa pola submisión á estratexia de Feijóo en Madrid e por deixar de lado a defensa dos intereses das e dos galegos. E esta, precisamente, é a máxima do BNG: a defensa dos intereses do pobo galego.
Noutros territorios do Estado, como Euskadi, contan con sistemas máis xustos e axeitados á súa realidade para garantir o seu desenvolvemento sistema que tamén está conseguindo agora Cataluña. Mentres tanto, Galiza segue prexudicada por un modelo de reparto centralista e desfasado, que non recoñece nin o noso potencial nin a nosa contribución económica.
Galiza non é un unha comunidade pobre que vive da solidariedade do Estado, como intenta facernos crer o Partido Popular. Galiza é un País rico empobrecido polas políticas centralistas que non cren en nos e nas nosas potencialidades. Como consecuencia desta discriminación histórica que sofre o País, tanto a prestación de servizos públicos como a sanidade, a educación ou os coidados, como as nosas infraestruturas vense fondamente afectadas.
Se temos en conta os datos da liquidación dos orzamentos, só no ano 2022, o estado recadou en impostos en Galiza 5.344 millóns de euros máis dos quen lle ingresou. Se a conta se fai entre 2009 e 2022, a cifra superou os 59.000 millóns de euros. Estas cifras supoñen practicamente case a totalidade do que representan os orzamentos da Xunta durante seis anos, se a estas sumamos as cifras do espolio enerxético que sofre Galiza, que no 2023 exportou o 47% da enerxía eléctrica que produce sen que iso supuxese absolutamente ningún beneficio para nós.
O modelo de concerto económico que defende o Bloque e que xa se demostrou que é eficaz en Euskadi permitiría a Galiza recadar o cen por cen dos impostos que xeran os galegos e as galegas e negociar a súa contribución ao Estado. Non se trata dunha cuestión de privilexios, senón de xustiza e de igualdade, porque queremos que Galiza teña os mesmos dereitos que outros territorios do Estado, que non se trate aos galegos e ás galegas como cidadáns de segunda.
É fundamental que Galiza teña a chave do seus cartos e que teña un modelo de concerto económico similar ao do País Vasco ou o que vai ter Cataluña para poder decidir nós sobre os nosos recursos e marcar as nosas prioridades. Para poder ter uns mellores servizos públicos e infraestruturas, e en definitiva poder decidir en que gastar os nosos cartos!