O BNG pediu no Pleno que se amañe un burato na beirarrúa na rúa Imprenta Villuendas
A veciñanza da rúa Imprenta Villuendas leva máis de un ano pedindo que se amañe. O BNG trasladou unha vez máis esta situación ao Pleno e reclamamos ao goberno información sobre cando teñen pensado reparar este desperfecto e atender a solicitude destas veciñas
Betanzos, 19 de outubro de 2020. O BNG pediu no Pleno que se amañe un burato na beirarrúa na rúa Imprenta Villuendas que a veciñanza leva reclamando desde hai máis de un ano. “No mes de xullo de 2019 a veciñanza da rúa Imprenta Villuendas tivo que observar como o chan da súa rúa cedía e aparecía un burato de dimensións considerábeis. Ese mesmo burato ocasionou a caída dun veciño, que necesitou atención médica e estivo varios meses de baixa laboral”, explicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG.
“Logo de falar persoalmente co concelleiro de obras e coa Alcaldía, a veciñanza segue a intentar que se repare a rúa e desapareza este potencial perigo para a súa saúde. Por iso trasladamos unha vez máis esta situación ao Pleno e reclamamos ao goberno información sobre cando teñen pensado reparar este desperfecto e atender a solicitude destas veciñas”, concluíu.