PROPORÁ TAMÉN A POÑER EN MARCHA O PROGRAMA "BETANZOS POLO CONSUMO RESPONSÁBEL" QUE PROMOVA O CONSUMO CONSCIENTE E RESPONSABEL, O COMERCIO XUSTO E A SOBERANÍA ALIMENTAR

O BNG pedirá no Pleno poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local

meli pequena
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos

Insistirá no Pleno na necesidade de poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio que contemple: o desenvolvemento e plena implementación do centro comercial aberto de Betanzos conforme ao seu plan estratéxico, a posta en marcha dun banco de locais comerciais ou a posta en marcha dun mercado virtual que permita comprar en Betanzos a través de internet e poñer nas casas do cliente final o produto.

O BNG pedirá no Pleno poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local

Betanzos, 26 de outubro de 2020.  O BNG pedirá no Pleno poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local, elaborado coa participación do sector, a corporación e axentes sociais. 

“O pequeno comercio é un sector estratéxico para Betanzos, tanto polo número de negocios abertos na nosa cidade como polo importante continxente de veciños e veciñas que emprega, así como polo papel que xoga na dinamización económica e sociocultural do noso concello”, explicou Amelia Sánchez. “De feito, Betanzos conta cun centro comercial aberto, modelo que precisa ser desenvolvido por completo na nosa cidade, para configurarse como a única alternativa viábel para a supervivencia do pequeno comercio”, engadiu.

“A pandemia da covid-19 veu poñer de manifesto moitas das necesidades que o sector arrastraba desde hai anos na nosa cidade, e situouno como un dos sectores máis castigados a nivel global na crise económica que desencadeou. Cómpre que o goberno local asuma que é imprescindíbel un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio de Betanzos, porque as semanas da tortilla e o pincho son dúas medidas puntuais que non contribúen á dinamización comercial da cidade alén das datas puntuais en que se celebran, como veñen demostrando reiteradamente diversos indicadores económicos, laborais e mesmo tributarios publicados por distintas entidades públicas”, indicou a portavoz nacionalista. “Parécenos imprescindíbel que se tomen medidas de apoio para un sector que está sufrindo o máis duro da crise provocada pola pandemia do coronavirus”, insistiu.

Por todo isto, o BNG insistirá no Pleno na necesidade de poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio que contemple: o desenvolvemento e plena implementación do centro comercial aberto de Betanzos conforme ao seu plan estratéxico, a posta en marcha dun banco de locais comerciais ou a posta en marcha dun mercado virtual que permita comprar en Betanzos a través de internet e poñer nas casas do cliente final o produto. 

Programa de consumo responsábel 

O BNG proporá tamén a poñer en marcha o programa "Betanzos polo consumo responsábel" que promova o consumo consciente e responsabel, o comercio xusto e a soberanía alimentar como opcións prácticas e cercanas para diminuír o impacto económico, social e ambiental da globalización no entorno local por medio de accións concretas como a edición dunha app cunha guía de responsabilidade, o fomento de grupos de consumo responsábel, a edición dunha guía de circuítos curtos de consumo e potenciación dos mesmos con campañas específicas no mercado municipal ou reformular a política de compras de bens do Concello cara este mesmo paradigma de consumo responsábel.

“Pensamos que é tamén un bo momento para a organización de obradoiros de reciclaxe de refugallos domésticos, como elaboración de xabóns reciclando aceite ou de decoración de nadal como alternativa sostíbel ao alumeado de nadal meses antes das datas festivas, entre outros sempre mantendo todas as medidas de seguridade para a loita contra o Covid-19”, concluíu Amelia Sánchez.

O BNG pedirá no Pleno poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local