O BNG demanda no pleno seguridade para os peóns en Rexemento Provincial, na N651 na Ribeira
Betanzos, 8 de outubro de 2020. O BNG trasladou ao Pleno as queixas dos veciños e veciñas polo problema de seguridade viaria na rúa rexemento provincial, que une a rúa da Ribeira e o paseo do Malecón no barrio da Ribeira. “Nunha das beiravías non hai zona peonil atopándose completamente ocupada por vehículos aparcados á beira da rúa mentres na beirarrúa de enfronte unha terraza dun establecemento hostaleiro dificulta a seguridade viaria para persoas con cadeiras de rodas ou carriños de crianzas e mesmo para peóns, sobre todo para persoas con problemas de mobilidade”, explicou Amelia Sánchez.
O BNG pediu ao goberno local unha solución para evitar que os peóns teñan que camiñar polo medio da rúa, como ven acontecendo. “Non sabemos se o goberno ten pensado actuar nesta zona no tan anunciado Plan de reforma do barrio da Ribeira, xa que o goberno aínda non o fixo público nin llo explicou a veciñanza do barrio”, engadiu.
Queixas polas carreiras de coches na rúa Rosalía de Castro
“Ademais, a veciñanza doutras zonas coma a rúa Rosalía de Castro trasladounos o seu malestar polas carreiras de coches que teñen lugar nesta rúa as noites dos fins de semana, que provocan ruídos, accidentes e molestias para os veciños e veciñas. Pensamos que o goberno ten que actuar para garantir a seguridade”, concluíu Sánchez.