O BNG critica que o PP convoque un Pleno para pedir tres informes
Levan un mes dicindo que o BNG vive fóra da realidade e resulta que, polo que parece, o problema máis grave de Betanzos é que o goberno non pide que declaren ben de interese cultural o Pasatempo.
Betanzos, 16 de abril de 2013. O BNG lamentou que o PP convoque un Pleno extraordinario para pedir tres informes. Levan un mes dicindo que o BNG vive fóra da realidade e resulta que, polo que parece, o problema máis grave de Betanzos é que o goberno non pide que declaren ben de interese cultural o Pasatempo.
Desde o BNG insistiron en que declarar BIC o Pasatempo non vai solucionar ningún dos problemas que ten o parque. Está o patrimonio de todo o concello caendo a cachos e unha declaración, un diploma, non vai ser solución de nada, insiste o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Parécenos surrealista que convoquen un Pleno extraordinario para debatir sobre o secadeiro e non pidan Pleno ningún para propoñer solucións á vista dos datos de desemprego en Betanzos, indicou o edil do BNG. Os nacionalistas exixen a PP e PSOE que lle falen claro á xente e digan, uns e outros, que intereses están a defender realmente coa polémica que provocaron co secadeiro. O que está claro é que nin PSOE nin PP están mirando, nin polo patrimonio nin polos intereses da veciñanza, explicou.
Desde o BNG lamentan que o PP só reproche o incumprimento de dous acordos plenarios para elaborar informes sobre o Pasatempo e o secadeiro. Entendemos máis útiles para a veciñanza que se cumprisen os acordos relativos a crear emprego promovendo un banco de locais comerciais, un viveiro de empresas ou a cesión de terras municipais a monte a persoas sen emprego, aseguran.
Vendo que o que máis lle preocupa ao PP é a festa do centenario dun tren que o propio PP vai desmantelar está ben á vista cales son as súas prioridades afirma Del Río. Claro que xa montaron unhas terrazas multimillonarias cun plan anticrise e agora o PP reclama no Pleno todo tipo de explicacións sobre algo que nunca tivo ningunha utilidade para a veciñanza, concluíu.
Os nacionalistas explicaron que á vista destes temas non comprenden cal é a finalidade da convocatoria do Pleno porque o PP ten o número de concelleiros necesario para solicitar por rexistro que se lles redacte calquera tipo de informe.