O BNG pedirá a máxima protección para os edificios históricos á vista da sentenza da Casa Gótica
Os nacionalistas proporán que se faga un listado dos edificios histórico e que empecen os trámites para declaralos BIC o antes posíbel, "vista a sentenza da Casa Gótica e que os atentados contra o noso patrimonio parece que saen gratis e temendo que a outros propietarios do noso patrimonio como ao da Torre de Lanzós tamén lle saia gratis tirar co patrimonio.
Chama a atención que o goberno local do PSOE non adoptase unha soa medida para exixir e garantir a reconstrución da Casa Gótica.
Betanzos, 21 de marzo de 2014. O BNG anunciou que presentará polo procedemento de urxencia unha moción ao Pleno do vindeiro martes para dar a máxima protección ao patrimonio histórico-artístico de Betanzos.
Vista a sentenza da Casa Gótica e que os atentados contra o noso patrimonio parece que saen gratis e temendo que a outros propietarios do noso patrimonio como ao da Torre de Lanzós tamén lle saia gratis tirar co patrimonio, o Concello debe actuar rapidamente para dotalo da máxima protección, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
A maioría dos edificios singulares que conforman o patrimonio histórico de Betanzos carecen dunha protección singularizada e, coa sentenza da Casa Gótica na man, os seus propietarios quedarían absoltos se decidisen botalos abaixo. Entre estes edificios hai pazos e casonas modernistas, conxuntos singulares, capelas e igrexas, elementos da arquitectura popular coma cruceiros, hórreos, fontes e lavadoiros e mesmo pontes e as murallas e portas da cidade medieval.
Non se pode perder un minuto e que outro desaprensivo bote abaixo outra parte da nosa historia, urxe Del Río. Por este motivo, desde o BNG propoñen que desde xa os técnicos do Concello elaboren un listado detallado para dar a máxima protección legal ao noso patrimonio histórico artístico.
Os nacionalistas consideran que a sentenza da Casa Gótica ofrece unha perigosa conclusión e ensinanza á hora de protexer o patrimonio histórico. Con todo, a sentenza pon en valor os esforzos que o BNG fixo desde a Concellaría de Casco Histórico nos catro anos que tivo responsabilidades de goberno por evitar a ruína da Casa Gótica, explica o edil nacionalista. Son tres folios que repasan os numerosos requirimentos que se lle fixeron ao propietario para salvar o edificio, que evidentemente desatendeu por completo porque tiña outras intencións, engade.
Logo de examinar o expediente chama a atención que o goberno local do PSOE non adoptase unha soa medida para exixir e garantir a reconstrución da Casa Gótica, explica. Á marxe das responsabilidades penais do propietario que dirimía o xulgado, o goberno local tiña a obriga legal e moral de forzar ao propietario a reconstruír un edificio que é patrimonio de toda a veciñanza, engade.