O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola decisión da Xunta de convertir o colexio nun aulario
Desde o BNG recordan que reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros
O BNG reclamou o goberno local que se poña en contacto coa comunidade educativa, cos demais grupos políticos e co resto da veciñanza da comarca, que se vai ver afectada por esta decisión, para exixir conxuntamente da Xunta que dea marcha atrás e manteña o proxecto orixinal dun novo colexio en Betanzos
Betanzos, 23 de xullo de 2014. O BNG pedirá explicacións á Xunta no Parlamento pola reconversión do novo colexio de educación infantil nun simple edificio de aulas dependente do CEIP Vales Villamarín. Na súa iniciativa, os nacionalistas recordan que o goberno galego, tanto nos orzamentos como nas sucesivas notas de prensa, falou practicamente sempre dunha EEI ou escola de educación infantil- agás dúas veces que usou o termo aulario para referirse ao centro e unha na que se referiu ao colexio en construcción como o novo CEIP de Betanzos.
Por que motivo, se tiñan decidido desde o inicio que o edificio fose un aulario, dilapidaron cartos públicos en dotalo de dependencias para o seu funcionamento como un centro autónomo, tales como gabinetes para a dirección, xefatura de estudos e secretaría, dependencias para as ANPAs, conserxería, etc, interpelan os nacionalistas na súa iniciativa.
Desde o BNG recordan que reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros. Os nacionalistas destacan que entre un e outro centro hai un cruce cun tráfico moi elevado polo que pasan os vehículos de emerxencias do centro de saúde e mais a Garda Civil, entre outros. Salientan, ademais, que os accesos entre ambos centros distan 400 metros, o que obrigaría a dar paseos de case un kilómetro aos docentes que teñan que dar aulas en ambos os dous edificios.
Reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros
O BNG cuestiona, ademais, que a reconversión do novo colexio en aulario non foi comunicada de xeito oficial á comunidade escolar nin ao Concello. Foi grazas a un comentario dun representante sindical como nos enteramos disto explica o voceiro municipal do BNG, Henrique del Río. Se non chega a haber un comentario casual, enterámonos de que o PP nos cambiou o novo colexio por un apéndice do vello cando comezase o curso, denuncia.
No BNG cren que a Xunta tomou esta decisión unicamente en base a criterios económicos e sen ter presente que a súa decisión deteriora aínda máis o ensino público na comarca de Betanzos. Por aforrar 108 000 euros ao ano no profesorado e demais persoal do novo colexio empeoran a educación dos cativos e cativas da comarca, lamenta Del Río. O PP gasta máis de millón e medio de euros en celebrar a visita de San Francisco a Compostela, pero para o ensino público non hai cartos, censura.
O BNG reclamou o goberno local que se poña en contacto coa comunidade educativa, cos demais grupos políticos e co resto da veciñanza da comarca, que se vai ver afectada por esta decisión, para exixir conxuntamente da Xunta que dea marcha atrás e manteña o proxecto orixinal dun novo colexio en Betanzos. Entendemos que temos que ser o conxunto da veciñanza a que reclamemos da Xunta que invista os nosos impostos nun ensino de calidade e neste sentido no BNG pensamos que se debera artellar unha resposta conxunta diante desta decisión, concluíu Del Río.
Moción ao Pleno
O BNG tamén presentará unha moción ao Pleno que o Concello de Betanzos celebrará o vindeiro martes reclamando á Xunta que manteña como centro independente a nova escola de educación infantil.