O BNG critica ao goberno local por pretender aprobar os orzamentos de costas á veciñanza
Queda demostrado outra vez que o PSOE e o PP son iguais, uns aproban leis para gobernar de costas ao pobo e os outros as aplican.
Se o gasto en axuda a dependentes sube en 20 000 euros e os ingresos do copago dos depententes medran máis de 30 000 euros, a onde van os máis de 10000 euros que sobran? A festas?
Betanzos, 23 de xullo de 2014. O BNG cualificou de profundamente antidemocrático que o goberno do PSOE vaia aprobar os orzamentos na xunta de goberno local. Se a actuación do PSOE busca o interese da veciñanza e evitar que Betanzos siga sen orzamento, ao mellor o mais sinxelo era dar participación á veciñanza en lugar de intentar aprobalo pola porta de atrás, explicou Henrique del Río.
Para o voceiro nacionalista, está claro que o único obxectivo do PSOE e manterse no poder en Betanzos custe o que custe, incluso contradecindo a liña política do seu propio partido, engadiu. Del Río recorda que o PSOE anunciou un recurso contra a reforma da lei local aprobada polo PP e que o goberno de Betanzos levou varias mocións ao Pleno criticando a norma e o mala que ía ser para o noso concello.
PSOE e PP son iguais, uns aproban leis para gobernar de costas ao pobo e os outros as aplican
E logo usan xusto a parte mais antidemocrática da lei, a que permite aprobar os orzamentos sen o apoio do Pleno, para seguir no goberno e nin molestarse en intentar chegar a ningún acordo con ninguén denuncia. Os nacionalistas cuestionan a falta de coherencia do PSOE. Este tipo de manobras demostran ás claras a palabra e a credibilidade que ten o goberno do PSOE, ningunha, afirma Del Río.
Os nacionalistas consideran que con esta manobra o goberno local demostra a súa tremenda debilidade e as súas ansias de perpetuarse como sexa no poder. O PSOE prioriza facer clientelismo cos fondos públicos, sexa con contratos ou subvencións a dedo, antepón manterse na cadeira sobre atender as necesidades da veciñanza para a que di que está a gobernar, lamentan desde o BNG.
Queda demostrado outra vez que o PSOE e o PP son iguais, uns aproban leis para gobernar de costas ao pobo e os outros as aplican, conclúe Del Río.
O PSOE minte cando asegura que sube o gasto social
Os nacionalistas explicaron que os dous programas incluídos nos orzamentos para políticas sociais non conteñen as subas anunciadas polo PSOE. No último orzamento, aprobado no ano 2012, prevían gastar no total do programa denominado acción social 464 336, 50 euros, neste o total do programa son 435 844,47 euros explica Del Río. Ate onde eu sei iso son 30.000 euros menos, é dicir un recorte en acción social, xusto o contrario do que publicitaron, ironiza.
Se o gasto en axuda a dependentes sube en 20 000 euros e os ingresos do copago dos depententes medran máis de 30 000 euros, a onde van os máis de 10000 euros que sobran? A festas?
No outro programa de políticas sociais, chamado asistencia a persoas dependentes, increméntase o gasto porque sube o que se destina á empresa que xestiona a axuda no fogar as persoas dependentes, pasando de 241 500 euros no 2012 a 267 715,20 euros agora. Tamén hai que dicir que os cartos que pretenden ingresar co copago da axuda a domicilio increméntanse tamén en máis de 30 000 euros advirte Del Río.
Se o gasto en axuda a dependentes sube en 20 000 euros e os ingresos do copago dos depententes medran máis de 30 000 euros, a onde van os máis de 10000 euros que sobran? A festas? pregúntanse desde o BNG. Desde logo no BNG non diriamos que un orzamento que pretende recadar o dobre en axuda a dependencia e ese incremento se vai gastar noutras cousas é un orzamento social, asegura o voceiro nacionalista. A realidade é que o PSOE non fixo ningún tipo de esforzo para compensar aos que máis están sufrindo as consecuencias da crise, senón que se ceba con estas persoas para que as empresas poidan seguir sen pagar conclúe.