O BNG insiste en que o albergue de peregrinos, baleiro, sirva para acoller ás persoas sen fogar
Pediron á Xunta que faga algo tan complicado como modificar o regulamento de uso do albergue?
Betanzos, 2 de maio de 2013. O BNG interesouse polas xestións realizadas polo goberno local diante da Xunta para reservar unha parte das prazas do albergue de peregrinos- que continúa pechado case dous anos despois de rematar as obras- para persoas sen fogar. A concelleira nacionalista María Otero lembrou que no mes de decembro de 2012 o Pleno aprobou unha moción do BNG que solicitaba a reserva dunhas prazas para persoas sen fogar.
Todas as persoas que andamos pola rúa polas noites vemos que hai xente durmindo nos caixeiros porque na nosa cidade non hai un lugar onde poidan durmir as persoas sen fogar indican os nacionalistas. Que pasos deu o goberno local para conseguir que se reserven estas prazas no albergue?, interpelaron.
Pediron á Xunta que faga algo tan complicado como modificar o regulamento de uso do albergue? ironizaron os nacionalistas, que insisten en que se PP e PSOE puideron modificar a Constitución en 15 días, non será tan complicado cambiar un par de liñas no regulamento de albergues do Xacobeo.
Á vista das cifras de peregrinos que pasaron por Betanzos nos meses de inverno fornecidas polo goberno local- 6 entre xaneiro e marzo de 2012, 28 de outubro a decembro de 2012- os nacionalistas consideran que a reserva dunhas poucas prazas neste edificio baleiro para uso puntual das persoas sen fogar sería moito mellor uso que mantelo baleiro ou infrautilizado.
Os nacionalistas insisten en que a Xunta mantén o albergue baleiro e sen uso despois dun investimento moi considerábel. Lamentan que o PP se opuxese a esta proposta para aproveitar o albergue coa excusa de que é imposíbel modificar un regulamento para permitir este uso e propuxesen como alternativa que as persoas sen fogar durman nos calabozos da Policía Local, criminalizando así a estas persoas.