O BNG lidera a redacción dun manifesto a prol da tradición nos Caneiros subscrito por todo o Pleno

pechepeirao

O texto proposto polo BNG repasa a pegada dos Caneiros na cultura popular e na nosa literatura nacional e incide no valor paisaxístico e ambiental da bacía do Mandeo para solicitar, sen caer en estereotipos nin prexuízos, colaboración cidadá para manter e poñer en valor ambos potenciais.

O BNG lidera a redacción dun manifesto a prol da tradición nos Caneiros subscrito por todo o Pleno

O texto proposto polo BNG repasa a pegada dos Caneiros na cultura popular e na nosa literatura nacional e incide no valor paisaxístico e ambiental da bacía do Mandeo para solicitar, sen caer en estereotipos nin prexuízos, colaboración cidadá para manter e poñer en valor ambos potenciais.

Betanzos, 10 de agosto de 2011. No último Pleno aprobouse por unanimidade unha moción do BNG na que se instaba ao goberno local a desenvolver unha campaña de concienciación sobre os valores da festa dos Caneiros e unha limpeza a fondo do camiño que leva ao campo. A raíz deste acordo plenario impulsado polo BNG os catro grupos da Corporación traballaron no texto dun manifesto conxunto sobre a romaría dos Caneiros e o respecto á tradición da romaxe e ao Mandeo que a acolle.

O BNG liderou estes traballos até o punto de que é a proposta nacionalista, cunhas moi leves modificacións, o texto que chegará a mans da xente. O orixinal deste manifesto foi asinado polos representantes dos distintos grupos da Corporación e o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río.

O manifesto proposto polo BNG e aceptado polo resto dos grupos repasa a pegada dos Caneiros na cultura popular e na nosa literatura nacional e incide no valor paisaxístico e ambiental da bacía do Mandeo para solicitar, sen caer en estereotipos nin prexuízos, colaboración cidadá para manter e poñer en valor ambos potenciais.

O texto completo proposto polo BNG é o seguinte:

A romaxe fluvial pagá dos Caneiros é un orgullo para as betanceiras e betanceiros. É unha festa popular que pola súa singularidade erixiuse nun axente dinamizador da nosa cultura, tanto a nivel de cantigas populares coma a nivel de creación dos grandes nomes da nosa literatura nacional coma Uxío Novoneyra, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Manuel Rivas,...
As lanchas que participan da romaxe surcan as augas do Mandeo, un espazo natural incluído na Rede Natura que complementa, co seu valor e potencial, outros tesouros patrimoniais de Betanzos. Os romeiros e romeiras que se achegan a pé ao campo dos Caneiros bordean brañas e fragas de grande valor ecolóxico. Por este motivo, a conservación do río é tan importante como a conservación dos valores culturais da romaxe dos Caneiros.
Entendemos que os Caneiros son unha festa de todas e todos. Só respectando aos demais romeiros e romeiras será posíbel que unhas xornadas de festa e lecer como as dos Caneiros saian adiante sen incidencias. Por este motivo, os grupos que formamos a Corporación Municipal- Partido Popular, Partido Socialista Obrero Español, Bloque Nacionalista Galego e Cidadán por Betanzos- facemos un chamamento á cidadanía para evitar no río, no camiño e no campo dos Caneiros condutas impropias que vaian en detrimento dunha xornada festiva e sen incidentes. Facémolo fuxindo de prexuízos e co convencemento de que segue a ser posíbel que todas as persoas que se acheguen ao campo dos Caneiros compartan estas xornadas festivas das nosas festas patronais. Apelamos aos betanceiros e betanceiras, e tamén a cantos e cantas nos visitan, para que fagan un esforzo por conservar e transmitir o espírito da romaxe e por manter o entorno natural do Mandeo o máis limpo posíbel para podermos deleitarnos todo o ano cunha paraxe natural que é un privilexio.

O texto definitivo consensuado polos catro grupos pode verse aquí.

O BNG lidera a redacción dun manifesto a prol da tradición nos Caneiros subscrito por todo o Pleno