O BNG reclama máis apoio para a cultura de base
É evidente que os recortes na rede galega de teatros, por exemplo, están á vista de toda a veciñanza que ía ao teatro á Aula de Cultura. O Consello da Cultura Galega afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro.
Betanzos, 21 de marzo de 2013. O BNG presentou unha moción ao Pleno demandando apoio para o sector cultural galego nun momento de especial dificultade. Neste sentido, recordan que os recortes do goberno galego do PP cebáronse co sector cultural galego. É evidente que os recortes na rede galega de teatros, por exemplo, están á vista de toda a veciñanza que ía ao teatro á Aula de Cultura, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas aseguran que o Consello da Cultura Galega afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro.
O BNG denuncia que a estratexia do PP entronca cos ataques á nosa lingua e ao todo o que nos identifica e define como un pobo con cultura propia mentres Feijóo teima en destinar miles de millóns de euros a manter os edificios da Cidade da Cultura, un capricho que paga caro o pobo galego.
Por este motivo, os nacionalistas propoñerán ao Pleno que se inste á Xunta a dialogar cos distintos sectores culturais para consensuar medidas e actuacións en materia de política cultural e convocar un programa, en colaboración cos concellos, que promova a contratación de espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música producidos en Galiza co obxectivo de promover a distribución de produtos culturais galegos e espallar a cultura do país.
Xunto a isto, o BNG pide que se reclame á Xunta o recorte do orzamento adicado á Cidade da Cultura destinando estes recursos á axudas aos diferentes sectores da cultura galega e á realización de actividades e difusión das producións culturais galegas nos concellos do país.
Fomento da cultura de base
A moción do BN tamén propón que Concello impulse a presenza da cultura galega nas festas, mesmo vinculando as subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos municipais á contratación de creadores, creadoras e artistas galegos. O BNG sempre foi crítico coa escasa presenza de artistas galegos na programación festiva de Betanzos- tanto cando a deseñaba o PP como agora, que o fai o PSOE.
Para PSOE e PP a presenza da cultura galega nas festas redúcese ás gaitas, lamentaron Henrique del Río e María Otero, edís do BNG. Neste sentido, cren necesario innovar na programación festiva e propoñen abrir ás entidades culturais e veciñais a organización dos festexos.
Os nacionalistas lamentaron que o goberno local do PSOE, como antes facía o PP, exclúa á cultura de base da programación cultural do Concello. Neste sentido, xa propuxeron abrir a a organización do certame Balconadas á participación das entidades culturais da cidade e recuperar o premio por votación popular.
Do mesmo xeito, os nacionalistas defenderon que o Consello de Cultura, recentemente creado, ofreza ás entidades e asociacións a oportunidade de participar no deseño da política cultural de Betanzos. Entenden que esta participación veciñal pode achegar ideas en positivo e organizar determinados eventos.