O BNG leva a Pleno a mellora do financiamento local
Os nacionalistas presentan tamén unha moción para instar ao goberno galego a desenvolver e executar na súa totalidade a lei galega contra violencia machista, coa creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, entre outras medidas.
Betanzos, 23 de outubro de 2009. O Grupo Municipal do BNG presentou para o seu debate no vindeiro Pleno tres mocións. A primeira delas demanda un posicionamento activo da Corporación diante da conmemoración o próximo 25 de novembro do Día contra a Violencia Machista. Por este motivo, os nacionalistas propoñerán á Corporación demandar da Xunta de Galiza o desenvolvemento íntegro das previsións da lei galega contra a violencia de xénero de xeito que sexa plenamente efectiva.
A este fin, o BNG propón que Betanzos demande á Xunta a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na lei.
En tempo de crise, o BNG busca aumentar os fondos dos concellos para prestar máis e mellores servizos
Os nacionalistas tamén queren que no próximo Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) o goberno do estado teña presentes variables que inflúen na prestación de servizos en Galiza. Por iso, outra das mocións que o BNG presenta para o seu debate propón instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que, á hora de distribuír o novo Fondo Estatal de Investimento Local para o ano 2010, se introduzan como criterios de reparto nos concellos a dispersión e o avellentamento da poboación, así como a introdución actual das novas tecnoloxías.
O financiamento dos municipios diante da crise económica é un asunto que preocupa ao BNG, polo que está a presentar en todos os concellos galegos unha moción para mellorar as dotacións económicas municipais. Para isto proponse solicitar ao goberno galego unha garantía para as cantidades previstas para os concellos a través do Fondo de Cooperación Local no 2009 e non recortar a dotación do Fondo de Cooperación Local para o ano 2010.
Á par proponse que a Xunta demande do Goberno do Estado a elaboración dun Plan que garanta o gasto corrente aos concellos e un sistema de moratorias no suposto de liquidacións negativas das cantidades recibidas da Participación de Ingresos do Estado. Igualmente, proponse que o goberno galego solicite Goberno do Estado a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da participación nos ingresos do Estado, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza.
Así mesmo, demandarase que o novo modelo teña en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación.