O BNG leva ao Congreso o traslado do cuartel
Francisco Jorquera rexistrou unha iniciativa na que se interpela ao Ministerio de Interior sobre as súas intencións con respecto ao traslado da casa-cuartel da Guardia Civil. ¿Non cre que un cuartel non debería estar ubicado nunha zona céntrica dunha vila histórica? pregunta o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados.
Betanzos, 31 de outubro de 2009. O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados ven de rexistrar unha iniciativa na que interpela ao Ministerio de Interior sobre as súas intencións con respecto ao traslado do cuartel da Guardia Civil desde a céntrica Feira Nova ata o extrarradio de Betanzos. Francisco Jorquera detalla na súa iniciativa a alarma veciñal xurdida logo de que o goberno local anunciase que o goberno central exixíalle ampliar a contorna de seguridade do cuartel obrigando a suprimir o estacionamento na praza. Esta medida suporía un prexuízo importante para os residentes e os negocios radicados na zona, a escasos metros da praza do Campo, centro neurálxico de Betanzos.
O parlamentar nacionalista recorda que a postura do BNG en Betanzos foi sempre defender o traslado do cuartel fóra do centro urbano e a recuperación da parcela sobre a que actualmente se asenta para usos públicos municipais. Jorquera entende na súa instancia que dar cumprimento a esta demanda permitiría precisamente que as novas dependencias do instituto armado cumpriran con todos os protocolos de seguridade vixentes sen ocasionar trastornos a particulares e empresarios.
Francisco Jorquera lembra na súa iniciativa parlamentar que na Feira Nova estacionan a cotío os usuarios da Casa da Xuventude, Correos, o parque infantil e os clientes dos establecementos comerciais e mais os residentes da zona para dar idea do impacto que a supresión destes estacionamentos ocasionaría.
O BNG quere saber se o Ministerio atenderá as queixas veciñais
Por este motivo, o deputado do BNG interésase sobre a dimensión exacta que ten que ter o perímetro de seguridade do cuartel libre de estacionamentos e sobre as previsións de traslado do cuartel que baralla o Ministerio. Francisco Jorquera lembra na súa iniciativa que o cuartel está ubicado no centro de Betanzos, moi próximo ao Campo e a zona monumental, polo que exhorta por medio dunha pregunta a trasladalo.
O BNG leva o asunto ao Pleno
O BNG levou esta cuestión tamén ao Concello. Na sesión plenaria celebrada pola Corporación o pasado 27 de outubro o concelleiro nacionalista Henrique del Río lembraba a alarma veciñal ocasionada polo anuncio do goberno local de reducir as prazas de estacionamento na Feira Nova por exixencia das medidas de seguridade que require o cuartel da Guardia Civil. O edil nacionalista interesouse polas intencións do goberno local a respecto do cuartel, preguntando se o executivo municipal contemplaba en serio a posibilidade do traslado máis alá dunhas declaracións en prensa feitas pola alcaldesa. Tamén preguntou polos emprazamentos barallados polo goberno local para facer este traslado.
O BNG faille chegar ao Delegado do Goberno o malestar veciñal
Aproveitando a visita que o Delegado do Goberno fixo o pasado día 21 á nosa cidade e dentro dunha reunión cos voceiros de todos os grupos da Corporación, o BNG fíxolle chegar o malestar da veciñanza ante as novas medidas de seguridade impostas no entorno do cuartel. O voceiro do BNG, Xabier López, aproveitou para preguntarlle ao representante estatal se non se barallou a posibilidade de trasladar as instalacións a zonas do concello cunha menor concentración urbana.
O delegado do goberno central do PSOE nega o traslado do cuartel
Esta medida, segundo os nacionalistas, permitiría a Betanzos contar con novas dependencias policiais, e deste xeito garantir a funcionalidade do edificio (dotándoo de instalacións máis modernas e ambiciosas das que hoxe se están a executar por vía de reforma). Betanzos gañaría tamén coa plena disponibilidade veciñal dunha zona, hoxe por hoxe, e máis cando se desenvolva o Pasatempo, completamente integrada na malla urbana da cidade.