O BNG leva ao Pleno a falta de información municipal sobre o AVE
Para coñecer se realmente o goberno de PP e CxB velou polos intereses da veciñanza ou simplemente acadara un compromiso do que logo se desentendeu. Presentou estas alegacións diante do Ministerio de Fomento o Concello?
Betanzos, 3 de novembro de 2009. O BNG levou ao último Pleno que celebrou a Corporación a falta de información sobre o trazado do AVE por parte do goberno local. O concelleiro nacionalista Henrique del Río lembrou que a señora alcaldesa comprometeuse diante dos veciños e veciñas de Guiliade e Piadela e mais nunha xuntanza dos voceiros dos grupos da Corporación a presentar alegacións ao estudo comprensivo do subtramo de alta velocidade ferroviaria A Coruña-Betanzos no tocante á terceira variante plantexada.
O representante do BNG aludía a unha posición unánime do Pleno da Corporación aprobada en xuño segundo a cal o Concello de Betanzos oponse a esta variante debido ao alto impacto que tería no municipio, e dun xeito moi singular na parroquia de Piadela. A alcaldesa comprometérase naquela altura a remitir un conxunto de alegacións ao Ministerio e a achegar copia das mesmas aos colectivos veciñais.
Transcorridos varios meses e sen que o goberno local remitira nada sobre o tema, o BNG levou o asunto ao Pleno ordinario de outubro, para coñecer se realmente o goberno local velou polos intereses da veciñanza ou simplemente acadara un compromiso do que logo se desentendeu, explica o edil nacionalista. Neste sentido, á par que reclamou no Pleno unha copia do escrito que presuntamente o goberno de PP e CxB rexistrou coas alegacións ao trazado do AVE, o representante do BNG directamente preguntou se tal documento existiu algunha vez: presentou estas alegacións diante do Ministerio de Fomento o Concello?
A alcaldesa comprometérase a informar aos veciños en xuño
O pasado mes de xuño o BNG celebrou un acto público en Guiliade para explicar a súa postura diante da alarma xerada coa publicación do estudo comprensivo do trazado de alta velocidade ferroviaria entre A Coruña e Betanzos aprobado polo goberno Zapatero. Este documento inclúe unha terceira variante para o corredor ferroviario que que atravesaría a zona máis poboada da parroquia de Piadela. A alarma social causada por esta posibilidade levou á veciñanza a iniciar unha recollida de sinaturas contra esta terceira variante.
O pasado mes, moitas veciñas e veciños de Betanzos recibiron nos seus domicilios unha carta do Valedor do Pobo. Dado que na misiva o Valedor indica de xeito personalizado que a administración responsable do AVE (o Ministerio de Fomento) non entra dentro do seu ámbito competencial, o BNG levou o asunto ao Pleno para saber se o goberno local defendeu os intereses dos seus veciños e veciñas.