O BNG lamenta o pacto de PSOE, PP e CxB para evitar que a veciñanza participe na xestión da radio
Os nacionalistas propuxeron no Pleno que colectivos veciñais e culturais tivesen cabida nun consello que supervisase a programación e contidos da emisora local para garantir o seu carácter aberto e participativo. Os nacionalistas recriminan a hipocrisía de CxB, que pasou de defender durante tres meses no Pleno a privatización da emisora municipal a pretender erixirse en valedor da radio.
Betanzos, 18 de xuño de 2013. O BNG lamentou que PSOE, PP e CxB se puxeran de acordo para excluír á veciñanza dun consello que regule os contidos de Radio Betanzos. Os nacionalistas propuxeron no Pleno que colectivos veciñais e culturais tivesen cabida nun consello que supervisase a programación e contidos da emisora local para garantir o seu carácter aberto e participativo.
PSOE, PP e CxB, que promoven consellos de participación baleiros de contido, estiveron rapidamente de acordo en evitar que a veciñanza puidese ter voz e voto no control da radio pública municipal, lembra o voceiro do BNG, Henrique del Río. Onde a participación veciñal ten realmente obxecto e alcance, non tardan en poñerse de acordo para evitar que a xente fale directamente, reprochan desde o BNG. Semella que lles molesta escoitar á veciñanza que representan, ironiza.
Onde a participación veciñal ten realmente obxecto e alcance, PSOE, PP e CxB non tardan en poñerse de acordo para evitar que a xente fale directamente
Os nacionalistas recriminan a hipocrisía de CxB, que pasou de defender durante tres meses no Pleno a privatización da emisora municipal a pretender erixirse en valedor da radio. Non entendemos que clase de participación e garantía de pluralidade ofrece que unha comisión do Pleno, a porta pechada, fale da radio, indican. Unha comisión do Pleno repetiría os mesmos xogos de maiorías que o Pleno e non garante unha información veraz e plural nin contidos plurais e participativos, como ben demostran o NO-DO en que o PP convertiu, a pesar da comisión do Parlamento que a regula, a TVG ou TVE, insisten.
O PSOE tiña a radio para facer propaganda política cando tiña maioría absoluta e está visto que prefire ter a radio pechada que permitir que emita contidos plurais
Do mesmo xeito, desde o BNG critican que, malia os informes xurídicos en contra, o PP teime en privatizar a emisora local a toda costa. Mentres lles serviu de NO-DO a eles non lle tocaron, e agora coa excusa da crise queren desmantelala, reprocha Del Río, que recorda que non se acordaron da crise cando fundiron 73 000 euros dun plan anticrise nun novo estudo para a radio que está por estrear.
http://youtu.be/__lk81ZEYgQ
Os nacionalistas recriminan ao goberno local do PSOE que a pesar de que hai varios meses que anunciaron a reapertura da radio, continúan téndoa pechada e aos seus traballadores facendo outros cometidos de forma irregular. O PSOE tiña a radio para facer propaganda política cando tiña maioría absoluta e está visto que prefire ter a radio pechada que permitir que emita contidos plurais, reprochan.
O modelo que comparten PSOE, PP e CxB para a radio non permite unha emisora aberta, os contidos plurais e as propostas participativas que entendemos teñen que caracterizar unha emisora municipal, indica Del Río. Lamentan que a dereita e o goberno local xuntasen forzas para votar contra a proposta do BNG para crear un consello participativo con asociacións, entidades e grupos políticos da Corporación para garantir que a emisora estea realmente aberta e ao servizo da veciñanza.