O BNG reclama o amaño da fonte dos Ánxeles
A pesar de que o goberno local contratou unha empresa privada para manter os parques e xardíns, e ten outras sen contrato por detrás, e ademais o Concello ten operarios suficientes para facer os traballos directamente, a realidade é que o coidado das zonas verdes é vergoñento.
Betanzos, 11 de xuño de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que limpe e manteña en condicións axeitadas o entorno da fonte dos Ánxeles, que presenta un estado lamentábel.
Hai un ano presentamos esta iniciativa no Pleno e, a pesar de que o PSOE respondeu que solucionara este problema, o certo é que a maleza ten comido boa parte do entorno e os desperfectos levan anos sen amañar, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O PSOE dixo que ía amañar a fonte dos Ánxeles dentro do proxecto millonario do paseo á beira do Mandeo ata os Caneiros, recorda o edil nacionalista. Desde o BNG, que foi moi crítico coa intención do executivo de Ramón García de gastar máis de medio millón de euros neste camiño á beira do río en plena crise, acusan ao goberno do PSOE de abandonar a fonte neoclásica á maleza por aparcar este proxecto faraónico.
Isto vai na mesma liña de deixadez en que se atopa o patrimonio e os espazos verdes do concello, indican. Continuamente recibimos queixas da veciñanza por estas situacións, que a pesar de boas palabras, o goberno local non atende, insiste Del Río.
A pesar de que o goberno local contratou unha empresa privada para manter os parques e xardíns, e ten outras sen contrato por detrás, e ademais o Concello ten operarios suficientes para facer os traballos directamente, a realidade é que o coidado das zonas verdes é vergoñento, critican desde o BNG.
O PP continuamente está criticando a xestión que fai o goberno local do PSOE cando o certo é que eles facían exactamente o mesmo cando estaban no goberno hai dous anos, aseguran. O BNG non ten a culpa de que o PP no fose capaz de poñerse de acordo co de CxB para desbancar ao PSOE da alcaldía, ironizou Del Río. O que non poden facer é seguir cargando as responsabilidades do goberno do PSOE sobre o BNG, que está na oposición desde que comezou o mandato, concluíu.