O BNG lamenta que o goberno local non solucione os problemas do Conservatorio e a escola infantil
Non entendemos porque o PSOE adoptou como costume votar a favor dos acordos plenarios se despois non fai nada para cumplilos e o que é peor aínda se queixa de que as cousas non se fan soas.
Betanzos, 18 de febreiro de 2013. O BNG lamentou as declaracións do goberno local do PSOE sobre o custo do conservatorio e a escola infatil municipais. Os nacionalistas advirten de que se o Concello gasta tanto neses servizos é en boa medida debido á incapacidade do goberno do PSOE para solucionar os problemas que deixou o PP nestes servizos públicos.
Así, o voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río, recorda que o pasado verán o goberno local pretendeu levar adiante unha suba das taxas da escola infantil de San Francisco ás agachadas en pleno verán e baseándose en mentiras. O goberno de Ramón García quixo subir 50 euros a matrícula para as clases e 40 para o comedor, lembra o edil do BNG, que insiste en que en xaneiro o PSOE criticaba a suba das taxas nas escolas infantís da Xunta e en xuño copiaba exactamente a mesma proposta para San Francisco en base a mentiras das que nunca se desculparon. Só a determinación do BNG impediu que o PSOE de Betanzos fixera máis complicado chegar a fin de mes aos veciños e veciñas, resumiu.
De igual forma, desde o BNG lamentan que o goberno local sexa incapaz de cumprir as indicacións do Valedor do Pobo e modificar a taxa do Conservatorio. Para este servizo público os nacionalistas propuxeron cobrar a taxa de matriculación en función da renda. O BNG propón unha matrícula progresiva, en distintos escalóns segundo o nivel de renda de forma similar á escola infantil municipal, explicou o voceiro do BNG, que afirma que coa nosa proposta obtense unha maior xustiza social, garántese que todo o mundo pode cursar estudos no Conservatorio con independencia do seu nivel de renda. En ambos casos o goberno local deixou o tema enriba da mesa e a seguinte noticia que tivemos foi a súa pataleta na prensa, ironizou o voceiro do BNG.
Unha das causas do déficit do Conservatorio, ademais, é a desproporcionalidade do salario dos docentes, problema provocado polo PP e mantido polo goberno do PSOE, explicou o edil do BNG. Extrapolando horas de traballo e salarios, cunha xornada de 8 horas os docentes do Conservatorio cobrarían máis que Secretario e Interventora, cunha responsabilidade sensibelmente inferior, indicou.
Lembrou, ademais, que o BNG xa propuxo no Pleno crear unha mancomunidade de concellos na comarca e cederlle servizos como o Conservatorio para acabar con estas situacións e porque non tería sentido abrir outros conservatorios nos concellos limítrofes xa que non hai demanda suficiente para este servizo. Non entendemos porque o PSOE adoptou como costume votar a favor dos acordos plenarios se despois non fai nada para cumplilos, criticou, e o que é peor aínda se queixa de que as cousas non se fan soas.