O Concello mandou á Xunta información que non se corresponde coa realidade do proxecto do Mandeo
O saneamento para unhas vivendas particulares do final da rúa dos Ánxeles non debera ir a costa de todos os veciños e veciñas, alguén terá a responsabilidade de permitir que se fixera así e pretender tapala cun proxecto faraónico está fóra de lugar.
O BNG convidou a unidade de accion as entidades ecoloxistas
Betanzos, 22 de xaneiro de 2015. O BNG reclamou ao PSOE que escoite a veciñanza e someta a exposición pública o novo proxecto do paseo pola beira do Mandeo, entre As Monxas e Os Caneiros. O goberno local mandou á Xunta unha información que non é completamente correcta, xa que di que o proxecto só ten pequenas variacións con respecto ao do ano 2010 cando non é exactamente así, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O alcalde di que hai unha variación no tocante á execución dunha serie de melloras na rede de saneamento existente no subtramo urbano do núcleo de Betanzos explicou Del Río. Este tramo é o das hortas da Cañota e é mentira que se vaian facer melloras na rede de saneamento basicamente porque aí non hai ningunha rede de saneamento, denuncian.
De feito, o proxecto que impulsa o goberno local do PSOE prevé construír unha canalización de PVC con arquetas de formigón totalmente nova dentro da liña de deslinde do río abunda. E a variación no subtramo de bosque pertencente ao subtramo 1 da que fala o alcalde é o desmonte e pasarela pilotada pola ladeira do monte da fonte dos Ánxeles, explica.
Na súa carta o alcalde esquece explicar que hai outra variación logo ao pasar unha pasarela de madeira pilotada polo Carrizal de San Xiao que a Xunta advertiu en 2010 que non se tocase, ironiza o edil do BNG. Unha media verdade é unha media mentira e cremos que responde á intención que tiña o goberno local do PSOE de evitar a avaliación ambiental do proxecto, explica Del Río.
Desde o BNG volveron a pedir ao goberno local do PSOE que informe con transparencia deste asunto á veciñanza. Información e transparencia non é propaganda, é expoñer o proxecto publicamente para que a veciñanza poida presentar o que estime oportuno, puntualiza o portavoz municipal do BNG.
Os nacionalistas pediron novamente a retirada do proxecto por considerar que é un gasto totalmente innecesario e prescindíbel. No momento actual hai moitísimas outras prioridades que atender e que non levantan tanto interese do goberno local, engade Del Río. Desde o BNG insisten en que este paseo construído en madeira á beira do río e sobre un carrizal vai ter un mantemento tremendo e vai destrozar a parte máis ou menos virxe que queda do río en Betanzos.
Ademais, desde o BNG advertiron que o saneamento para unhas vivendas particulares do final da rúa dos Ánxeles non debera ir a costa de todos os veciños e veciñas. O PSOE cando deu esa licenza de obra llo tiña que exixir ao promotor explica o voceiro nacionalista.
Se acaso haberá que exixir que o paguen do seu peto os edís do PSOE que permitiron facer o edificio sen enganchar á rede a finais dos anos 90, entre eles o actual alcalde e o actual concelleiro de urbanismo, aseguran desde o BNG. Alguén ten a responsabilidade disto e terá que asumila, advirte o voceiro nacionalista, pero desde logo está totalmente fóra de lugar tapala cun proxecto faraónico.
O BNG convidou a unidade de accion as entidades ecoloxistas
Os nacionalistas celebraron que os grupos ecoloxistas da comarca pediran tamén a paralización do proxecto e propoñan unha alternativa. Desde o BNG convidaron a estas entidades a unha xuntanza para que nos expliquen a súa proposta.
Entendemos que é necesaria a unidade de acción para conseguir paralizar este sensentido explican desde o BNG. Descoñecemos a alternativa que deseñaron pero nos parece moi interesante sempre que pase pola retirada do proxecto do PSOE e supoña respectar o río, que é o noso grande patrimonio natural e non dilapidar cartos públicos en algo totalmente innecesario.
Ademais, o BNG convidounos a traballar conxuntamente na mobilización e a concienciación social para impedir esta barbaridade, que é un dispendio e un atentado ecolóxico.