O BNG demanda o mantemento da área de autocaravanas
“Ademais da falta de mantemento da área de autocaravanas e o parque canino, no entorno acumúlase entullo e refugallos de obras municipais, coa conseguinte proliferación de roedores, moscas e outras pragas” advirten
Betanzos, 16 de xuño de 2025. O BNG volveu demandar no Pleno a limpeza de toda a traseira do Parque Pablo Iglesias. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, lembrou que se trata dunha demanda que “xa trouxemos máis veces, mais segue sen amañarse a suciedade e falta de conservación deste entorno onde se xuntan a área de auto-caravanas e o parque canino”.
“Ademais da falta de mantemento destas dúas infraestruturas, no entorno acumúlase entullo e refugallos de obras municipais, coa conseguinte proliferación de roedores, moscas e outras pragas” advertiu. Por este motivo, desde o BNG demandan ao goberno do PSOE que aclare os motivos polos que mantén un vertedoiro como este en zona urbana.
“Acaso non consideran que a suciedade é un perigo potencial para a saúde pública e o medio, nomeadamente nunha zona de esparexemento, deportiva e á beira da ría como esta?” preguntouse, demandando prazos concretos para resolver esta situación.