O BNG exixe responsabilidades ante as novas sentenzas de indefinición dos traballadores municipais
“Por que o concello de Betanzos adoptou posturas diferentes, opoñéndose ou non na causa pola indefinición, segundo o traballador de que se trata? É consciente o goberno local que oporse nunha causa en contra dunha traballadora ou varias traballadoras vinculadas a unha central sindical concreta e non facelo en ningunha outra pode ser considerado un intento de represión sindical?”
Betanzos, 17 de novembro de 2020. O BNG pediu no Pleno que o goberno local modifique a RPT aprobada inicialmente para incluír aos traballadores laborais temporais declarados indefinidos por sentenza xudicial. “As pasadas semanas fixéronse públicas 7 novas sentenzas de indefinición de traballadores laborais temporais deste concello, que se viron obrigados a acudir aos tribunais para defender os seus postos de traballo despois de que o goberno decidise aprobar unha nova RPT, na que non aparecían as prazas de todo o persoal laboral temporal, máis do 60% do persoal do Concello, como denunciamos no seu momento”, explicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG.
“Tendo en conta que a RPT foi aprobada de forma provisional pero faltaría que volvera ao Pleno para a súa aprobación definitiva, despois de que a CIG e traballadoras e traballadoras presentasen alegacións que tería que resolver o Pleno, pedimos que o goberno modifique a proposta de RPT para incluír estas prazas que xa son indefinidas por sentenza xudicial”, engadiu a portavoz nacionalista.
O BNG pediu ademais que o goberno local negocie as modificacións da súa proposta de RPT cos representantes dos traballadores e traballadoras. “Cando o goberno local aprobou co voto en contra do BNG esta RPT na que excluía máis da metade do persoal do concello xa advertimos que isto ía pasar, agora o goberno ten que actuar para evitar o xa gravísimo problema de xestión de persoal que arrastramos no concello de Betanzos”, indicou Amelia Sánchez.
O BNG preguntou tamén a que se debe a diferente actuació do goberno dependendo do traballador de que se trate. “Por que o concello de Betanzos adoptou posturas diferentes, opoñéndose ou non na causa pola indefinición, segundo o traballador de que se trata? É consciente o goberno local que oporse nunha causa en contra dunha traballadora ou varias traballadoras vinculadas a unha central sindical concreta e non facelo en ningunha outra pode ser considerado un intento de represión sindical? Quen vai asumir a responsabilidade sobre esta actuación?”, concluíu a portavoz do BNG.