“CON ESTE DOCUMENTO, O GOBERNO LOCAL, QUE MANTÉN DESDE HAI DÉCADAS PERSOAL LABORAL TEMPORAL EN FRAUDE DE LEI, CÁRGALLE A RESPONSABILIDADE DA SÚA SITUACIÓN LABORAL ÁS EMPREGADAS MUNICIPAIS”
Pedimos a retirada da proposta de RPT que deixa fóra a máis de 40 empregados laborais temporais do Concello
“Con este documento, o goberno local, que mantén desde hai décadas persoal laboral temporal en fraude de lei, cárgalle a responsabilidade da súa situación laboral ás empregadas municipais”
“Con este documento, o goberno local, que mantén desde hai décadas persoal laboral temporal en fraude de lei, cárgalle a responsabilidade da súa situación laboral ás empregadas municipais”
Betanzos, 24 de febreiro de 2020. O BNG solicitou esta tarde a retirada da proposta de relación de postos de traballo (RPT), presentada polo goberno local á comisión informativa. “A proposta do PSOE deixa fóra da RPT á grande maioría do persoal laboral do Concello”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
As nacionalistas advirten que os informes da Secretaría e Intervención municipais son demoledores co documento presentado polo goberno local. “O PSOE leva dúas lexislaturas e o que vai desta para aprobar unha RPT, e o Concello precisa unha RPT”, explica Del Río. “Pero non calquera RPT, e aprobar un documento que ten como premisa de partida negar a actual realidade laboral da administración local é empezar rematadamente mal”, abunda.
“Tanto secretaría como intervención advirten nos seus informes da suba inxustificada de retribucións a determinados postos escollidos non se sabe con que criterio”, engade o edil do BNG. “E tamén reproban que se promocione automaticamente a todos os auxiliares administrativos como administrativos, subíndoos un grupo, sen maior explicación”, relata.
“Mais o preocupante é que esta RPT do PSOE ven establecer tres tipos de empregados dentro do Concello: funcionariado, persoal laboral fixo por recoñecemento ou sentencia xudicial e persoal laboral que non figura na RPT”, abunda Del Río. “E en base a estas tres categorías de persoal establece un sistema retributivo diferente, de forma que un barrendeiro funcionario cobrará máis que un barrendeiro laboral cuxa praza figure na RPT e, á vez, eles dous, cobrarán máis que outro barrendeiro sen praza contemplada na RPT”, relata. “E o grave é que os tres realizan exactamente o mesmo traballo, as mesmas funcións e o mesmo horario”, puntualiza.
“Con este documento, o goberno local, que mantén desde hai décadas persoal laboral temporal en fraude de lei, cárgalle a responsabilidade da súa situación laboral ás empregadas municipais”, advirten desde o BNG. “Por unha decisión política do PSOE, ter contratos temporais para poder facer electoralismo cos postos de traballo na administración pública, o persoal vese castigado cun salario máis baixo de non denunciar ao Concello por telo ocntratado irregularmente”, puntualiza.
“É moi mal punto de partida, logo de dúas lexislaturas redactando este documento, partir destas premisas que abocan ao Concello a máis xuízos contra o seu propio persoal e a asumir o custo de máis sentenzas a causa da neglixente política de persoal que o PSOE leva tres décadas facendo en Betanzos”, abunda Del Río.
“Por este motivo, pedimos ao goberno local que retire a proposta, que redacte unha RPT que contemple, como a lei exixe, todos os postos de traballo que hai na administración municipal e que evite máis xuízos e sentenzas contra o Concello por non facer as cousas ben”, abunda.