O BNG condiciona o seu apoio ao orzamento de 2026 á materialización do CIM e unha xestión económica rigorosa

Esíxenlle ao PSOE un cambio radical na xestión económica, que reduza os gastos superfluos e que garanta a disciplina financeira, para dar por finalizada a intervención das contas municipais polo Ministerio de Facenda

O BNG condiciona o seu apoio ao orzamento de 2026 á materialización do CIM e unha xestión económica rigorosa

Betanzos, 13 de xaneiro de 2026. O BNG de Betanzos comunicou que condicionará o seu apoio ao orzamento municipal de 2026, que actualmente está a negociar co PSOE, á inclusión das partidas económicas específicas para a creación dun CIM e ao desenvolvemento dunha política económica seria e rigorosa, que limite os gastos superfluos e que poña fin á débeda económica municipal.

Segundo indicou a súa voceira, Amelia Sánchez, “hai uns días, o goberno socialista anunciou que habilitaría un CIM nas antigas escolas Manuel Naveira, a pesar de non contar con partidas orzamentarias concretas para a súa creación. No BNG non permitiremos que se xogue con este tema e non apoiaremos o orzamento de 2026 se non aparecen as partidas orzamentarias concretas para a súa posta en funcionamento”.

Desde o BNG levan anos solicitando a creación dun Centro de Información á Muller e dun Centro de Orientación Familiar comarcais en Betanzos e a implementación destes servizos figuraba entre os acordos do pacto de investidura que asinaron no seu día co PSOE de María Barral, polo que non admitirán máis demoras na súa materialización.

Por outro lado, as nacionalistas indicaron que lle esixirán ao PSOE un cambio radical na xestión económica, que reduza os gastos superfluos e que garanta a disciplina financeira, para dar por finalizada a intervención das contas municipais polo Ministerio de Facenda e para corrixir os erros que levaron a esta situación.

“Cómpre mudar a maneira de xestionar as arcas municipais, limitando gastos como publicidade ou propaganda, reducindo o tempo de espera dos provedores para o cobro das facturas e reservando o crédito necesario para asumir eses pagos”, indicou Sánchez.

As nacionalistas tamén solicitarán un maior investimento no mantemento do concello, tanto na área urbana como na rural, que mellore a limpeza e as infraestruturas e os servizos públicos.

O BNG condiciona o seu apoio ao orzamento de 2026 á materialización do CIM e unha xestión económica rigorosa