O BNG solicita melloras na praza de Dona Águeda
Esta praza, punto de encontro dos barrios dos Ánxeles e da Cruz Verde, presentou problemas estruturais e de humidades desde o mesmo momento da súa construción, uns problemas que nunca foron tratados en profundidade
Betanzos, 18 de marzo de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para pedir que se leven a cabo melloras na praza de Dona Águeda, no barrio dos Ánxeles.
“A día de hoxe, a praza presenta un estado lamentábel de consevación. A suciedade é abondosa, os pequenos xardíns están secos e faltos de vexetación, as manchas de humidade aparecen por todo o espazo e, mesmo, hai balaustradas que se moven ao fallar as ancoraxes. Ademais de ofrecer unha imaxe pouco coidada, esta última cuestión resulta especialmente perigosa, ao ser unha zona frecuentada polo alumnado dunha academia próxima, nenas moi pequenas na súa maioría”, afirma a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
Esta praza, punto de encontro dos barrios dos Ánxeles e da Cruz Verde, presentou problemas estruturais e de humidades desde o mesmo momento da súa construción, uns problemas que nunca foron tratados en profundidade. “Trátase dun problema de mantemento, mais tamén de seguridade cidadá”, afirmou Sánchez.