O BNG leva a pleno o debate sobre peonalizar o Casco Histórico ante a inaccion do goberno local
A normativa de tráfico no Casco Histórico de 2007, pese a estar formalmente en vigor, estase incumprindo co consentimento dos diferentes gobernos locais desde aquela, tanto do PP como do PSOE, provocando na veciñanza unha situación de inseguridade sobre o que está ou non permitido nas diferentes rúas do Casco
Betanzos, 28 de maio de 2016. O BNG traslada de novo ao Pleno a regulación do tráfico no Casco Histórico e a necesidade dun Plan de mobilidade na zona monumental. As nacionalista instan ao goberno local a abrir un proceso de participación aberto á totalidade da veciñanza de Betanzos para debater o modelo de mobilidade no Casco Histórico.
Actualmente está en vigor, con modificacións en canto a horarios, a ordenación do tráfico e aparcamento no Casco Histórico aprobada no ano 2007 durante o primeiro intento de regulación dos vehículos ao Casco Histórico, na época en que o BNG estaba encargado de xestionar as políticas do Casco, recordou o portavoz nacionalista, Henrique del Río. Esta normativa, pese a estar formalmente en vigor, estase incumprindo co consentimento dos diferentes gobernos locais desde aquela, tanto do PP como do PSOE, provocando na veciñanza unha situación de inseguridade sobre o que está ou non permitido nas diferentes rúas do Casco relata.
No mandato anterior o concelleiro de tráfico organizou xuntanzas cunha parte da veciñanza e comerciantes do Casco Histórico e prometeu nos medios de comunicación instaurar un novo sistema de parking express relata. Pese ás múltiples iniciativas plenarias que o noso grupo leva presentando os últimos anos, pedindo unhas normas claras que prioricen os peóns e garantan a posta en valor do noso patrimonio, nada máis se soubo do tema nos últimos cinco anos, engadiu Del Río.
Nas últimas semanas un grupo de comerciantes que teñen negocios na zona fixeron volver este tema á actualidade municipal, pedindo a libre circulación de vehículos no Casco relatan as nacionalistas, que consideran que esta libre circulación e estacionamento leva anos dándose xa de feito. O único cambio é unha campaña de sancións emprendida nas últimas semanas por orde do goberno local, explicou o portavoz nacionalista.
Desde o BNG informaron que hai semanas que pediron por escrito no Concello que se convocara unha xuntanza con toda a veciñanza, os diferentes grupos políticos e asociacións para buscar acordos amplos que permitan regular a circulación e aparcamento no Casco Vello, mais non obtiveron resposta por parte do goberno local. Trasladamos o tema ao Pleno para forzar que o goberno comece a traballar na mobilidade e, en xeral, na posta en valor do Casco Histórico que está totalmente abandonado, concluíu Del Río.