O BNG reclama ao goberno local maior compromiso na conservación das rúas peonís do Casco Histórico
“O goberno do PSOE non supuxo ningún cambio co PP a respecto do estacionamento abusivo no Casco Histórico”.
“O goberno do PSOE non supuxo ningún cambio co PP a respecto do estacionamento abusivo no Casco Histórico”.
Betanzos, 26 de decembro de 2011. O BNG rexistrou unha moción instando ao goberno do PSOE a “reconsiderar a súa política de tolerancia co estacionamento e circulación nas rúas peonís do Casco Histórico durante todo o día”. A moción, que o Pleno debaterá mañá, busca “garantir a seguridade dos peóns ante o uso e abuso das rúas peonís por parte de vehículos a motor”.
Os concelleiros nacionalistas Xosé Vales e Henrique del Río lembran na moción o importante investimento- máis de 450 000 euros- levado a cabo polo Concello para suprimir as beirarrúas e peonalizar as rúas comerciais do Casco Histórico e alertan que coa actual política de tránsito rodado o firme se deteriora, supoñendo un “dispendio”. Os nacionalistas recordan que a actual ordenanza de tráfico- aprobada polo PP- sanciona o tráfico e estacionamento nas rúas e prazas peonís pero, como xa advertiron máis veces, “o goberno do PSOE non supuxo ningún cambio co PP a respecto do estacionamento abusivo no Casco Histórico”.
Os nacionalistas rexistraron outra moción na que instan ao goberno local a acometer diversos traballos de conservación e mantemento dos paseos fluviais. O BNG leva así ao Pleno o malestar de moitos veciños polo estado de conservación do pavimento e os muros dos paseos, así como polas escadas e puntos de amarre dos distintos peiraos.
Para solucionar a situación de abandono actual, os edís do BNG reclaman ao goberno local que se dirixa á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que o perímetro marítimo-fluvial de Betanzos precisa.