O BNG reclama ao goberno local que atalle o estacionamento indiscriminado no Casco Histórico
O BNG non apreza mudanza entre a situación do tráfico no Casco Histórico co anterior goberno do PP e o actual do PSOE. O BNG reclama medidas “para garantir o tránsito harmónico e a conservación dos espazos peonís”.
O BNG non apreza mudanza entre a situación do tráfico no Casco Histórico co anterior goberno do PP e o actual do PSOE. O BNG reclama medidas “para garantir o tránsito harmónico e a conservación dos espazos peonís”.
Betanzos, 5 de agosto de 2011. O BNG presentou no último Pleno unha iniciativa reclamando medidas ao goberno local do PSOE para rematar coa “permisividade” co tránsito e estacionamento nas rúas peonís do Casco Histórico fóra do horario de paso habilitado. Os nacionalistas trasladaban así ao Pleno o sentir de numerosos residentes na zona histórica da cidade.
“No pasado mandato fomos moi críticos coa permisividade que observabamos por parte do PP co tránsito por rúas peonís fóra dos horarios habilitados para residentes e carga e descarga para os negocios e co estacionamento” espuxo o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río. Para o BNG, os dous meses de goberno do PSOE non se traduciron nun cambio neste asunto e a tolerancia do goberno municipal co estacionamento en rúas e prazas peonís segue a ser unha constante.
Por este motivo os nacionalistas exixen do goberno do PSOE a adopción de medidas “para garantir o tránsito harmónico e a conservación dos espazos peonís”. Desde o BNG, que non apreza mudanza entre a situación do tráfico no Casco Histórico co anterior goberno do PP e o actual do PSOE, piden coñecer “que medidas adoptou até a data o goberno local para facer cumprir as normas de circulación no Casco Histórico”.