O BNG propón medidas para dinamizar o comercio local
Sobre o papel somos un centro comercial aberto, unha alternativa ás grandes superficies comerciais que supoñen un monopolio de consumo e de formas de vivir que nos empobrecen e atentan mesmo contra a nosa saúde. É moita hora de que o goberno local asuma que existe este centro comercial aberto en Betanzos e aposte por el.
Co PXOM o goberno local compórtase como un déspota ilustrado pero o alcalde entendeu o que quixo entender
Betanzos, 24 de xaneiro de 2015. O BNG propoñerá ao Pleno promover axudas para implantar ou mellorar estabelecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos. É unha forma de poñer en valor a producción da comarca de xeito profesionalizado e á vez achegar ao produtor e ao consumidor eliminando intermediarios que soben os prezos e transportes que supoñen un grande consumo de enerxía explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas sosteñen que o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as cidades e impedir a desertización das rúas. Neste sentido, demandan do goberno local que se implique en programas de apoio ao que consideran un sector estratéxico para Betanzos polo volume de emprego que xenera e porque ademais os ingresos que xera son reinvestidos na economía local.
Por este motivo, tamén propoñerán ao Pleno que o Concello marque como criterio a ter en conta, nas adquisicións de bens e servizos por parte da administración local, a priorizar os produtos locais e galegos, con promoción da súa etiquetaxe en lingua galega. A actividade agrícola, a súa transformación e comercialización e tamén a artesanía, a música, os libros e a cultura son elementos de creación de emprego e de dinamización económica explica Del Río.
Neste sentido, desde o BNG tamén reclaman que o goberno local do PSOE profundice na execución do plan estratéxico do centro comercial aberto de Betanzos. Sobre o papel somos un centro comercial aberto, unha alternativa ás grandes superficies comerciais que supoñen un monopolio de consumo e de formas de vivir que nos empobrecen e atentan mesmo contra a nosa saúde engade. É moita hora de que o goberno local asuma que existe este centro comercial aberto en Betanzos e aposte por el, advirte. Por este motivo desde o BNG propoñen dotar de mobiliario urbano as rúas comerciais da cidade, tanto da parte nova como do Casco Histórico. Unha rúa comercial ten que dar facilidades para pasear, para parar, para sentarse e mirar, explica o edil nacionalista e unha rúa peonil inzada de coches e sen bancos, árbores ou xardineiras ou outra chea de obstáculos e con coches sobre as beirarrúas e até sen papeleiras non convidan a parar.
Ademais, entenden que o centro comercial aberto require de sinalización e identificación. Por este motivo propoñerán colocar paneis nos aparcamentos situados ás entradas da cidade con mapas comerciais e turísticos, para apoiar o comercio local e convidando a mercar nestes estabelecementos. Medidas propostas polo BNG como un banco de locais comerciais, un banco municipal de terras, os mercados ecolóxicos ou de segunda man nas prazas do Casco Histórico ou un viveiro de empresas terían sido complementos e estímulos para este sector, de ter sido postas en práctica polo goberno local apunta Del Río.
Estas propostas foron presentadas polo BNG á asociación de comerciantes e empresarios de Betanzos (ACEBE) dentro da campaña de poio ao comercio local que desenvolven os nacionalistas, sendo moi ben acollidas pola súa xunta directiva.
Co PXOM o goberno local compórtase como un déspota ilustrado pero o alcalde entendeu o que quixo entender
A nosa crítica ao goberno do PSOE é que o PXOM témolo os membros da Corporación, pero non está publicado na web e á veciñanza nin llo amosaron nin moito menos llo explicaron ou lle pediron opinión, puntualizou Henrique del Río á vista das descualificacións proferidas polo alcalde. A nosa crítica foi que o goberno local se comporta como un déspota ilustrado, 'todo para o pobo pero sen o pobo', pero o alcalde entendeu o que quixo entender, engadiu, e dá igual que falemos do PXOM, do paseo do Mandeo ou da gasolineira na Madalena.