O BNG demanda que se elimine un vertedoiro incontrolado en San Paio
Televisións, pantallas de ordenadores, rodas ou entullo son algúns dos elementos que se poden ver facilmente.
Desde o BNG fan especial fincapé no dano que estes vertedoiros poden facer ás augas, tanto ás fontes e mananciais coma aos ríos, con incidencia no lecer e nas actividades pesqueiras e marisqueiras da ría.
Betanzos, 31 de xullo de 2014. O BNG demandou no Pleno que o executivo local precinte un vertedoiro incontrolado ubicado no lugar da Casilla de San Paio, na parroquia de Tiobre. Televisións, pantallas de ordenadores, rodas ou entullo son algúns dos elementos que se poden ver facilmente relatou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Malia a propaganda do executivo local, segue sen cumprirse unha moción que presentamos hai máis dun ano neste sentido, advirte o nacionalista. Desde o BNG aseguran que este problema non se resolve tan só coa limpeza e rexeneración dos espazos afectados, senón que é preciso actuar na raíz do problema e concienciar á veciñanza do nocivas que son estas prácticas e da súa incidencia na saúde e no medio en que vivimos.
Neste sentido, o BNG xa propuxo varias veces que o Concello leve adiante unha campaña de concienciación informando a xente das consecuencias ambientais que teñen estes vertedoiros, tanto na calidade das augas coma noutros aspectos que afectan á saúde e ao ambiente. Os nacionalistas consideran que, para ter o resultado desexábel, esta campaña debería desenvolverse colaborando con entidades ecoloxistas e asociacións veciñais e deberíaser algo máis que simple reparto de folletos e incluír charlas nos colexios e locais sociais, exposicións de fotos, videoproxeccións . Do contrario estaríanse gastando os cartos sen ningún tipo de criterio, advirte Del Río.
Advirten de que, ademais da súa incidencia paisaxística, estes verquidos teñen unha incidencia certa e directa sobre o medio e, neste sentido, tamén poden telo sobre a saúde humana. Neste sentido, desde o BNG fan especial fincapé no dano que estes vertedoiros poden facer ás augas, tanto ás fontes e mananciais coma aos ríos, con incidencia no lecer e nas actividades pesqueiras e marisqueiras da ría.
O BNG tamén propuxo que que o Concello desenvolva un programa de voluntariado ambiental en colaboración coas entidades ecoloxistas da comarca para complementar todas estas accións e conseguir implicar realmente á veciñanza. Por que non se cumpriron os acordos que contiña a moción que presentamos e saíu aprobada? interpelou ao goberno do PSOE.
Considera o PSOE que este tipo de sucesos son algo que casa ben coa Reserva da Biosfera á que apelan constantemente? ironizou. Está previso que operarios municipais retiren e clausuren isto e se leva adiante algún tipo de campaña de concienciación ou só se poden contratar a dedo a algunha empresa? concluíu.