O BNG lamenta que o PP non defenda o ensino público en Betanzos
O PP prefire defender á Xunta en lugar de defender á xente de Betanzos e o seu dereito a un ensino público de calidade.
O PP contradise: José Ángel Rodríguez, que representa ao PP na comisión de seguemento do colexio, asegurou que non sabían nada da reconversión do novo colexio nun edificio auxiliar do Vales e onte no Pleno o voceiro do PP, Pablo Tomé, asegurou que o PP sempre dixera que o novo colexio sería unha dependencia máis do actual centro escolar
Betanzos, 30 de xullo de 2014. O BNG lamentou que o PP betanceiro opte por defender á Xunta en lugar de defender o ensino público na cidade. O PP non foi claro cos seus plans para o novo colexio de educación infantil, asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O PP prefire defender á Xunta en lugar de defender á xente de Betanzos e o seu dereito a un ensino público de calidade
O BNG insiste en que a reconversión do novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín vai repercutir negativamente na calidade do ensino. Segundo os datos facilitados pola comunidade escolar, a metade do orzamento do colexio terá que ir á calefacción dos tres edificios cos que contará o colexio, explicou o edil do BNG. E se o PP dubida destes datos, que se poña en contacto coa comunidade escolar que de seguro llos facilitan igual que nolos facilitaron ao PP, engade.
Os expertos aseguran que para un colexio funcionar de modo óptimo non debe repasar dos 500 alumnos e alumnas, e o Vales seguirá duplicándoo, engade. Ademais, os nacionalistas insisten nos desprazamentos que docentes, persoal do colexio e alumnado terán que facer entre as distintas dependencias, distantes 400 metros. Non sei se o PP caeu na conta de que no noso país chove a metade do ano, ironiza Del Río.
O PP minte cando afirma que sempre falou do novo colexio como ampliación do actual centro escolar, advirten desde o BNG. Un repaso aos orzamentos, á web da Xunta e á hemeroteca e os panfletos do propio PP evidencian que sempre estivo a falar dun novo colexio de educación infantil e non dunha ampliación do Vales, engade o concelleiro frontista.
O PP contradise: José Ángel Rodríguez, que representa ao PP na comisión de seguemento do colexio, asegurou que non sabían nada da reconversión do novo colexio nun edificio auxiliar do Vales e onte no Pleno o voceiro do PP, Pablo Tomé, asegurou que o PP sempre dixera que o novo colexio sería unha dependencia máis do actual centro escolar
O PP betanceiro sabe que está defendendo o indefendíbel e aínda encima se contradí, insiste. O concelleiro do PP que foi á comisión de seguimento do colexio, José Ángel Rodríguez, asegurou que non sabían nada do cambio de plans da Xunta e da conversión do novo colexio nun edificio auxiliar do Vales relata Del Río. Sen embargo onte no Pleno o voceiro do PP, Pablo Tomé, asegurou que as promesas e anuncios do PP sempre dixeron que o novo colexio sería unha dependencia máis do actual centro escolar prosegue. Se non se aclaran entre eles, como imos fiarnos do que din, engade.
O PP aínda está a tempo de rectificar a súa postura e defender o ensino público en Betanzos e convidámolo a que así o faga, apuntan desde o BNG. Os nacionalistas demandan ás outras forzas que estean á altura das circunstancias e defendan sen dobleces o ensino público. Para isto, insisten, é necesaria unha postura de unidade e actuar conxuntamente da man da comunidade escolar.