O BNG defenderá no Pleno a creación dunha Banca Pública Galega
A nova reestruturación financeira imposta polo rescate non pode supoñer despedimentos en Novagaliciabanco que repercuta negativamente na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural.
Betanzos, 20 de xuño de 2012. O BNG levará a Pleno unha moción a favor da constitución dunha Banca Pública Galega e para que se convoque de imediato un referendo que permita á cidadanía pronunciarse ante un rescate ao Estado español que significa un roubo ao pobo.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, manifestou que en realidade, o que se vai rescatar son os bancos -únicos beneficiarios desta operación- e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego.
É por isto que a única alternativa para salvar o aforro galego, e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en NGB, engadiu o portavoz do BNG no acto informativo celebrado este serán no Liceo.
Asemade, Del Río, manifestou que queremos que se rescate ás miles de persoas afectadas pola estafa das preferentes, así que con esta moción demandamos unha solución para elas. Solución que non pode ser outra que a da restitución até o último céntimo de todos os seus aforros. Se hai 100.000 millóns de euros para rescatar a banca, debe haber, de existir vontade política, capacidade económica máis que de abondo para devolver o estafado ás vítimas desta xigantesca fraude.
A moción do BNG inclúe tamén a depuración das responsabilidades ás que houber lugar polo enorme burato deixado na economía polos xestores do sistema financeiro. O BNG demanda a creación de senllas comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. Até agora foron vetadas por un PP que claramente ampara os responsábeis dunha catástrofe financeira que, rescate á marxe, xa lle ten custado ao contribuínte 118.000 millóns de euros, máis de dúas veces o PIB galego.
Na súa proposta, o BNG tamén demanda que se adopten medidas políticas que permitan que non se destrúa nin un só posto de traballo máis no sistema financeiro galego e se preste atención adecuada aos clientes. A nova reestruturación financeira imposta polo rescate non pode supoñer despedimentos en Novagaliciabanco que repercuta negativamente na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural, indicou o voceiro nacionalista.