O BNG denuncia novas irregularidades no proceso selectivo para contratar un orientador laboral
Parécenos que o goberno local está actuando de xeito completamente irresponsábel e o custo despois ímolo pagar todos os veciños e veciñas, concluíu Del Río.
Betanzos, 4 de setembro de 2012. O BNG denunciou novas irregularidades no proceso selectivo para contratar un orientador laboral no concello de Betanzos. Publicaron a composición do tribunal na páxina web, na que por certo como xa denunciamos no Pleno non publicaron a convocatoria do proceso, a pesar de que as propias bases así o establecían, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río. Desde o BNG aseguran que a composición deste tribunal é ilegal porque nomean como membros do tribunal a traballadores temporais, o que vai en contra do artigo 60 do Estatuto Básico do Empregado Público.
Os nacionalistas recordan que o executivo do PSOE convocou recentemente dous procesos selectivos (de orientador laboral e de auxiliar administrativo para servizos sociais) cunhas bases que van en contra do establecido polas bases xerais que o Concello aprobara hai anos.
O BNG levou este tema así como a necesidade de aprobar unhas bases xerais para a contratación de persoal a Pleno, e aprobouse por unanimidade. O goberno local aproba estes acordos para quedar ben de cara a galería, pero despois incúmpreos como xa fixera o ano pasado cun acordo neste mesmo sentido, informou o portavoz do BNG. O concelleiro de persoal comprometeuse a mandarnos unha proposta de bases xerais ao dia seguinte e a convocar inmediatamente unha reunión para falar do tema e aínda estamos esperando a convocatoria, asegurou.
O goberno local do PSOE non ten ningún interese en regular o tema de persoal para garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público, condena o voceiro do BNG. Así o demostra o feito de que leven máis dun ano sen aprobar as bases xerais de contratación e, entre medias, xa convocaron tres procesos para contratar persoal temporal a última para o GRUMIR que tampouco se adaptan as bases anteriores, aseguran.
A política de persoal que está facendo o PSOE no concello recórdanos moito á que levaron ao longo dos seus anteriores gobernos, cos problemas de persoal que aínda hoxe arrastra o Concello, continuou o voceiro nacionalista. De feito, os representantes dos traballadores ameazan xa con recorrer á Xustiza ante a falta de resposta do goberno local ante as súas demandas para garantir a legalidade da contratación de persoal no Concello. Parécenos que o goberno local está actuando de xeito completamente irresponsábel e o custo despois ímolo pagar todos os veciños e veciñas, concluíu Del Río.
Unha chapuza de exame
As bases aprobadas polo goberno local do PSOE para contratar un auxiliar administrativo por concurso oposición contemplan un exame tipo test, que a xuízo dos nacionalistas está deseñado de forma chapuceira. A proba consiste nun test de 30 preguntas, con tres posíbeis respostas, onde cada resposta acertada vale un punto, non se resta por respostas erradas e apróbase con 10 puntos.
Con este deseño, segundo advirten os nacionalistas, un aspirante que marque todas as respostas da opción a supera a proba teórica. Ademais, a convocatoria incumpre a normativa, xa que o número mínimo de temas para o acceso a praza do grupo D ten que ser como mínimo 20 e a proba deseñada polo equipo de Ramón García ten só 10. Con este deseño o PSOE converte o exame teórico nun paripé, advirten.
Incúmprese a obriga legal de coñecer o galego
O BNG advertiu tamén de que os dous procesos selectivos convocados estes días polo executivo do PSOE incumpren manifestamente a lexislación no tocante ao coñecemento da lingua propia de Galiza. Non se contempla a obriga de demostrar o coñecemento do galego, advirte o voceiro do BNG, Henrique del Río, que asegura que así se incumpren a Lei de Administración Local de Galiza e o texto refundido da Lei da Función Pública de Galiza. Semella que ao goberno local do PSOE o galego só lle preocupa cando lle serve para arremeter contra a Xunta de Feijóo, lamenta o edil nacionalista.