O BNG critica que a Xunta do PP deixe Betanzos sen GRUMIR
O goberno local do PSOE está incumprindo as sentenzas e aínda non pagou os atrasos ao persoal do GRUMIR que se viu na obriga de readmitir despois de demostrarse que o seu despedimento era improcedente.
Betanzos, 14 de maio de 2013. O BNG lamentou que o PP desde a Xunta de Galiza decidise suprimir o Grupo municipal de intervención rápida (GRUMIR), comprometendo a seguridade da veciñanza da comarca de Betanzos. A partir de xullo Betanzos quedará a expensas do equipo de emerxencias de Curtis, indicaron os nacionalistas.
Segundo a Xunta, o novo grupo de emerxencias de Curtis abonda para atender as comarcas de Betanzos, Melide e Ordes xunto cos parques de bombeiros, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas recordan que este paso ven culminar as manobras do PP para suprimir o GRUMIR, que comezaron coa exixencia de que os concellos con GRUMIR asignado asumisen o 20% do custo e, mesmo, coa designación do novo mapa imposta pola Consellaría de Presidencia de maneira totalmente arbitraria. Até concellos gobernados polo PP coma O Grobe ou Valga se plantaron contra as intencións do goberno de Feijóo, recordan desde o BNG.
O GRUMIR foi unha peza importante para afrontar tanto emerxencias como seguridade viaria, aseguran os nacionalistas, "independentemente das manobras que con el fixese cada goberno local no seu momento. Dicir que co parque comarcal de bombeiros as emerxencias en Betanzos están cubertas parécenos pouco realista, aseguran os nacionalistas. Os cometidos dos bombeiros e os do GRUMIR non son os mesmos, insisten, xa que o GRUMIR viña atendendo desastres naturais, seguridade en eventos festivos ou de masas e incidencias de seguridade viaria. Non é críbel a excusa do PP de que o suprimen porque ambos equipos fan os mesmos cometidos, indica Henrique del Río. A realidade é que suprimen un servizo público, coa única finalidade de reducir o gasto, mentres noutras cousas moito menos necesarias non reducen gasto ningún, como todos sabemos.
O BNG reclama que o goberno local pague os atrasos ao persoal do GRUMIR readmitido
O goberno local do PSOE está incumprindo as sentenzas e aínda non pagou os atrasos ao persoal do GRUMIR que se viu na obriga de readmitir despois de demostrarse que o seu despedimento era improcedente, explicou Del Río, hai meses que estes traballadores tiñan que ter cobrado estes atrasos e sentímonos na obriga de facérmonos eco desta reclamación.
Os nacionalistas indicaron que algúns destes traballadores se viron na obriga de recorrer de novo á vía xudicial para solicitar a execución das sentenzas. O BNG xa advertiu cando PSOE e CxB aprobaron o orzamento do ano pasado de que non aparecía partida ningunha para facer fronte a estes pagos e agora vemos cales son as consecuencias, criticou o voceiro nacionalista, quen recordou que hai un recurso contencioso administrativo presentado pola CIG entre outros por este motivo e veremos en que acaba todo.