O dereito a chegar á escola: o transporte público que o PP lle nega ao estudantado da comarca de Betanzos

Todo o alumnado debería ter dereito a un transporte público seguro e garantido, vivan a 500 metros ou a 5 quilómetros do seu centro, cursen o ensino obrigatorio ou bacharelato e FP. Negarlles ese dereito é obrigar a familias á dependencia do coche, é facer máis difícil a conciliación e é, en definitiva, poñer trabas á educación pública

O dereito a chegar á escola: o transporte público que o PP lle nega ao estudantado da comarca de Betanzos

Nos últimos anos, a veciñanza da comarca de Betanzos vén asistindo a un deterioro constante do transporte público por estrada. Menos autobuses, horarios que non cadran cos dos centros educativos e, en definitiva, un servizo saturado e insuficiente. A Xunta de Galiza, en vez de reforzar un servizo esencial para garantir a mobilidade, aposta por un modelo que exclúe, que recorta e que converte o dereito en privilexio.

Mentres o goberno do PP presume de modernización e de “eficiencia”, a realidade amosa unha situación máis que preocupante. As chamadas liñas integradas, nas que a Xunta decidiu mesturar o transporte escolar co transporte xeral e que supostamente viñan mudar o paradigma da mobilidade por estrada, sumiu comarcas como a de Betanzos no caos. O que parecía unha medida técnica acabou sendo un desastre: rapaces e rapazas que quedan sen praza, rutas colapsadas e falta total de planificación. En vez de mellorar o servizo, a Consellaría de Mobilidade converteu un dereito nunha carreira de obstáculos para moitas familias.

O caso do CEIP Vales Villamarín é paradigmático: as liñas 7 e 8 levan anos completamente saturadas, e cada setembro repítese a mesma situación. Rapaces e rapazas sen servizo, nais e pais que se vén obrigadas a facer malabarismos entre os horarios laborais para poder achegar aos seus fillos e fillas, tráfico colapsado nas entradas e saídas dos centros educativos. Todo mentres a Xunta se agocha detrás dunha escusa burocrática: a diferenza entre o alumnado “de dereito” e o “excepcional”, como se a uns lles correspondese chegar á escola e a outros non.

Todo o alumnado debería ter dereito a un transporte público seguro e garantido, vivan a 500 metros ou a 5 quilómetros do seu centro, cursen o ensino obrigatorio ou bacharelato e FP. Negarlles ese dereito é obrigar a familias á dependencia do coche, é facer máis difícil a conciliación e é, en definitiva, poñer trabas á educación pública.

Este curso volveu traer exemplos vergoñentos: o alumnado de Miño e Paderne que viaxa aos institutos de Betanzos ten que facelo de pé, amontoados en autobuses saturados. En Oza-Cesuras, estudantes con dereito recoñecido ao transporte escolar quedan sen servizo na quenda de tarde. E no propio Betanzos, as liñas escolares volven estar cheas e deixan parte do alumnado sen servizo, especialmente nas paradas de Bellavista e do Mandeo. O PP, desde o goberno Xunta, mira para outro lado, como se o problema non existise ou non fose con eles.

Desde o BNG temos claro que o transporte, especialmente o escolar, é un servizo público esencial que garante a igualdade de oportunidades e a vertebración do territorio. Por iso reclamamos que se garanta unha praza para todo o alumnado dos centros educativos de Betanzos e que o servizo se preste en condicións de seguridade e dignidade.

O que pedimos non é nada extraordinario: é simplemente que o PP cumpra coa súa responsabilidade como goberno. Que deixe de recortar e pensar no beneficio das empresas, e que garanta que o alumnado da comarca poida chegar á escola sen depender do coche. Porque o dereito á educación comeza tamén no camiño cara á aula, porque non hai igualdade no ensino sen un transporte público á altura.

 

O dereito a chegar á escola: o transporte público que o PP lle nega ao estudantado da comarca de Betanzos