O BNG de Betanzos únese ás reivindicacións de persoal da comunidade educativa do Vales Villamarín
Amelia Sánchez, portavoz municipal do BNG de Betanzos: “A Consellaría de Educación debe dotar o centro do persoal necesario para prestar o seu servizo nunhas condicións minimamente dignas”
As nacionalistas trasladarán as reivindicacións da comunidade educativa ao Parlamento de Galiza
Betanzos, 19 de decembro de 2025. O BNG de Betanzos presentará unha iniciativa na sesión plenaria do próximo luns para solicitar que se solucione o problema de persoal do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos.
As nacionalistas indicaron que teñen denunciado de maneira recorrente as carencias infraestruturais dos centros públicos brigantinos, tanto no pleno municipal como nas súas emendas aos orzamentos da Xunta, mais estas non son as únicas nin as máis graves, ao careceren do persoal necesario para prestar o seu servizo nunhas condicións minimamente dignas.
Segundo a voceira do BNG, Amelia Sánchez, “no Vales Villamarín, o aumento do alumnado con necesidades de apoio educativo fai que o profesorado titor e o profesorado de pedagoxía terapéutica se vexa desbordado, quedando alumnado con trastornos da lectura, da escrita ou do cálculo sen atender. Así mesmo, o alumnado con discapacidades veu reducidas as horas de atención con que contaban nos cursos pasados”.
Esta situación xa levou á comunidade educativa a se manifestar nas semanas pasadas e durante estes días para esixirlle á consellaría que cubra as prazas de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e as prazas de reforzo de Primaria que son necesarias para atender dignamente ao alumnado.
“No BNG estamos fondamente preocupadas por estes recortes, uns recortes que se centran, ademais, no elo máis febre da comunidade educativa: o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”, recalcou Sánchez.
As nacionalistas anunciaron, ademais, que presentarán unha iniciativa no Parlamento de Galiza para reverter estes recortes no persoal do Vales Villamarín.