O BNG de Betanzos renova o seu Consello Local para abrir unha nova etapa con horizonte 2027
Betanzos, 29 de decembro de 2025. O BNG de Betanzos vén de constituír un novo Consello Local que abre unha nova etapa política, coa vontade de reforzar o traballo organizativo e social no concello e de construír unha alternativa sólida ao actual goberno municipal de cara ás eleccións de 2027.
O novo órgano de dirección local está encabezado por Moncho Bouzas, que asume a responsabilidade local, e conta coa participación das concelleiras Amelia Sánchez Pérez e María Vanessa Rey Carro, xunto con persoas con experiencia e traxectoria no proxecto nacionalista como Andrés Otero Botana, ex-concelleiro do BNG en Betanzos, e Cristina López Sánchez, que foi responsábel comarcal do BNG na comarca das Mariñas, ademais de Antón Tenreiro e Xavier Campos.
Desde o novo Consello Local sublíñase a importancia de combinar a acción institucional cun traballo constante de base, reforzando a presenza do BNG na rúa, a escoita activa da veciñanza e a defensa dos intereses de Betanzos.
A portavoz municipal do BNG manifestou neste sentido que "o BNG vai ofrecer unha proposta sólida e seria para liderar Betanzos. Por un lado, comprobamos no día a día a mala xestión e a falta de proxecto e de ideas do PSOE. Por outro, unha oposición destrutiva do PP, que buscou confrontar e dividir á veciñanza. Betanzos merece moito máis que todo iso. Necesitamos un modelo claro de cidade e solvencia e capacidade para levalo adiante."
A renovación do Consello Local marca para o BNG de Betanzos o inicio dunha nova fase centrada en sumar forzas, ampliar complicidades e preparar unha proposta política ilusionante que permita abrir un novo tempo no concello.