O BNG exixe explicacións ao PSOE diante da denuncia por cesión ilegal de traballadores
Con esta cacicada, con este contrato a dedo e pola porta de atrás, o PSOE está prexudicando dobremente á veciñanza de Betanzos. En primeiro lugar porque non todas as persoas sen emprego puideron optar en igualdade de oportunidades a esta praza e, en segundo lugar, porque se ven unha sentenza obrigando ao Concello a asumir a esta persoas imos ter que pagala todos os veciños e veciñas a costa dos servizos que o Concello ten que prestarlle á veciñanza.
Betanzos, 13 de agosto de 2013. O BNG lamentou as consecuencias que para a veciñanza pode chegar a ter a denuncia contra o Concello por cesión ilegal de traballadores. Toda a veciñanza imos ter que pagar as consecuencias dunha cacicada do PSOE a costa dos servizos que sostemos cos nosos tributos, denunciou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas lamentan que os traballadores municipais, por medio da CIG, tivesen que presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo para frear outro caso de enchufismo do goberno local do PSOE. O PSOE levou estas cousas á Fiscalía cando era oposición e agora fai as cousas que denunciaba hai dous anos, advirten desde o BNG.
O goberno local do PSOE está repetindo todo canto criticaba ao PP, indica Henrique del Río. Contratan a dedo a quen queren porque non o van ter que pagar eles, ao final ímolo pagar todas as veciñas e veciños denuncia. Repetindo canto se fartaron de criticar ao PP hai dous anos, se quedase algo de dignidade no PSOE dimitían, asegura. Non sabemos se se aferran á poltrona polo simple feito de ostentar o poder ou por defender outros intereses, pero se tivese dignidade, logo de ter chegado á Alcaldía defendendo o contrario do que fai, o alcalde dimitiría, e con el todo o seu goberno, aseguran desde o BNG.
Os nacionalistas cuestionan, ademais, que neste caso de presunta cesión ilegal de traballadores o PSOE optase por contratar persoal para as festas. Teñen a policía con dous axentes menos, teñen os servizos de limpeza en cadro porque non cubren as baixas e non dan contratado persoal de reforzo para servizos sociais pero contratan máis persoal para as festas, lamentan. Non colle na cabeza de ninguén excepto do PSOE contratar máis xente para as festas coa crise que padecemos mentres outros servizos están en cadro, denuncian.
Ademais, desde o BNG cuestionan que sen dar explicación o PSOE ten ao técnico de promoción económica dedicado única e exclusivamente a organizar festas. Coa que está caendo, e a pesar de ter pechado xullo con 1200 persoas sen emprego, o PSOE permítese o luxo de prescindir do técnico de promoción económica, denuncian os nacionalistas. Agora entendemos que o goberno local non fixese nada para poñer en marcha o banco de locais comerciais, o viveiro de empresas ou a cesión de parcelas municipais a monte para desempregados, ironiza o voceiro do BNG. E aínda destinando este técnico só a organizar as festas, o goberno do PSOE entende que precisa contratarlle unha secretaria, ironiza.
Con esta cacicada, con este contrato a dedo e pola porta de atrás, o PSOE está prexudicando dobremente á veciñanza de Betanzos, indican os nacionalistas. En primeiro lugar porque non todas as persoas sen emprego puideron optar en igualdade de oportunidades a esta praza e, en segundo lugar, porque se ven unha sentenza obrigando ao Concello a asumir a esta persoas imos ter que pagala todos os veciños e veciñas a costa dos servizos que o Concello ten que prestarlle á veciñanza, conclúen.