O BNG presentará nun acto público o vindeiro sábado a Amelia Sánchez como candidata á alcaldía
O acto será ás 20:30 no Matadeiro, no barrio da Ribeira e intervirán, ademais da candidata á alcaldía, a deputada do BNG, Mercedes Queixas, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón
Betanzos, 25 de xaneiro de 2023.- O BNG presentará nun acto público o vindeiro sábado ás 20:30 no Matadeiro, no barrio da Ribeira, a Amelia Sánchez como candidata á alcaldía de Betanzos. No acto público intervirán, ademais da candidata á alcaldía, a deputada do BNG, Mercedes Queixas, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.
A candidato nacionalista, elixida por unanimidade da asemblea local de Betanzos, convidou a toda a veciñanza a facer parte do proxecto ilusionante que o BNG ten para Betanzos. “Fronte ao desleixo e a desatención do goberno local, desde o BNG estamos traballando para darlle futuro a Betanzos, porque como di o noso lema de precampaña Betanzos merece máis. Contamos con todas e todos para construír un proxecto de futuro”, explicou a candidata nacionalista.
No acto a candidata do BNG, explicará as liñas principais do proxecto nacionalista e do seu traballo nos vindeiros meses. "O BNG vai traballar nunha candidatura ampla, aberta, ambiciosa e ilusionante, que se faga cargo desa sensación que hoxe hai en Betanzos de que o concello vai a menos e sexa capaz de sumar ao noso arredor toda a vontade que hai entre os betanceiros e betanceiras para darlle a volta a esta situación. Imos ir a por todas, porque temos plena confianza en Betanzos e sabemos que Betanzos pode e merece ser moito máis”, concluíu.