O turismo como oportunidade de futuro

O turismo pode ser unha das nosas oportunidades de futuro, nas nosas mans está impedir que sexa unha oportunidade falida

O turismo como oportunidade de futuro

Todas as betanceiras somos conscientes do potencial turístico de Betanzos. O noso concello é un dos destinos turísticos de maior envergadura da provincia da Coruña, como así demostran os datos de persoas que nos visitan e a propia dinámica do concello ao longo da época turística, en que as rúas da cidade se enchen de persoas que desfrutan de canto podemos ofrecer.

Esta realidade, sumamente positiva desde o punto de vista económico, leva consigo aspectos positivos, mais tamén aspectos negativos para o día a día da veciñanza. Para facer fronte a estas cuestións positivas e negativas, no BNG consideramos sumamente necesaria a redacción dun plan de turismo para o noso concello.

Os plans xerais de turismo son documentos estratéxicos para a definición da visión, dos obxectivos e das accións que son necesarias para o desenvolvemento turístico dun territorio, sexa este territorio unha cidade, un concello ou outra realidade. A súa finalidade principal é marcar e guiar as liñas de acción política e as actuacións turísticas para lograr un desenvolvemento turístico sustentábel, competitivo e beneficioso para o conxunto da comunidade local. É dicir, estabelecer a folla de ruta para o desenvolvemento turístico; debe definir os obxectivos, as accións e as estratexias para conseguir un turismo sustentábel e competitivo.

Consideramos sumamente necesario este documento para intentar sacar o maior beneficio do turismo para o conxunto da sociedade e para paliar os efectos negativos do turismo para da veciñanza.

No BNG cremos que o Concello de Betanzos necesita canto antes esta ferramenta, para que a realidade non sobrepase a previsión na oferta, organización, previsión de futuro, rigor e control no ámbito turístico. E por iso instamos ao equipo de goberno a poñerse mans á obra para a súa redacción, convocando a todos os sectores involucrados e encargando a súa elaboración a especialistas na materia.

O turismo pode ser unha das nosas oportunidades de futuro, nas nosas mans está impedir que sexa unha oportunidade falida.

O turismo como oportunidade de futuro