O BNG de Betanzos reclama diálogo co sector do taxi e solucións urxentes para mellorar o servizo

Amelia Sánchez: “Resulta pouco comprensíbel que se redacte unha norma que afecta directamente ao día a día das traballadoras e traballadores sen sequera falar con elas antes, máis alá das achegas que puideron facer no período de consulta”

O BNG de Betanzos reclama diálogo co sector do taxi e solucións urxentes para mellorar o servizo

Betanzos, 29 de setembro de 2025. O BNG de Betanzos propoñerá ao Pleno municipal a creación dunha mesa de diálogo co sector do taxi e que se atendan as demandas que este leva anos formulando sen obter resposta. A iniciativa chega despois de que os condutores da parada da Praza de Galiza expresasen publicamente as súas queixas polo recorte do espazo dispoñíbel e polo mal funcionamento do teléfono público da parada.

Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, “a situación actual dificulta o traballo das 22 licenzas de taxi existentes en Betanzos, tanto polo redución do espazo da parada —constantemente invadido por vehículos alleos— como pola falla dun teléfono operativo, que deixa aos clientes sen posibilidade de contactar co servizo”.

O BNG lembra que os condutores xa propuxeron solucións, como a instalación dunha canalización que protexa o teléfono dos actos vandálicos, así como o pintado e a reserva clara das prazas de estacionamento destinadas á parada. “Non falamos de demandas caprichosas, senón de medidas básicas para que o servizo funcione en condicións dignas e con seguridade”, indicou Sánchez.

A formación nacionalista tamén criticou a forma de proceder do goberno local, que anunciou recentemente a redacción dunha nova ordenanza para regular o servizo de taxi sen contar co propio sector de maneira directa. “Resulta pouco comprensíbel que se redacte unha norma que afecta directamente ao día a día das traballadoras e traballadores sen sequera falar con elas antes, máis alá das achegas que puideron facer no período de consulta”, denunciou a portavoz do BNG.

“Desde o BNG defendemos un modelo de Concello participativo, onde as betanceiras e betanceiros sexan protagonistas na toma de decisións e un goberno que escoite as necesidades reais da veciñanza e das persoas que prestan servizos esenciais como o taxi. Non pedimos nada extraordinario, só vontade política para escoitar e para actuar”, concluíu Amelia Sánchez.

Máis prevención fronte aos lumes e mellora da participación veciñal

No mesmo pleno, tamén se debaterá a aprobación de dúas mocións co obxectivo de poñer o foco na defensa do territorio fronte ás vagas de lumes do último verán e o reforzo e mellora das canles de participación cidadá.

“O abandono do monte e a falta dunha política forestal seria deixan o noso país exposto a incendios devastadores, como vimos este verán”, advertiu Amelia Sánchez, quen reclamou “previsión, investimento e un modelo de monte multifuncional que xere riqueza e protexa o medio”.

No ámbito veciñal, a edil nacionalista pide garantir a participación veciñal na toma de decisións municipais, especialmente no uso dos fondos públicos. A formación nacionalista lembra que os orzamentos de 2022 e 2023 incluíron partidas de “orzamentos participativos” que permitiron escoller investimentos, mais algunhas propostas nunca se chegaron a executar, como a pista de pump track aprobada en 2023 cun investimento de 100.000 euros.

Esta iniciativa propón que todos os orzamentos municipais inclúan partidas de participación cidadá, así como articular as medidas necesarias para garantir a participación cidadá na escolla dos proxectos. Ademais, as nacionalistas instan ao goberno local a cumprir co compromiso adquirido coa cidadanía e construír a pista de pump track, ben con fondos propios, ben a través de convenios ou subvencións doutras administracións.

O BNG de Betanzos reclama diálogo co sector do taxi e solucións urxentes para mellorar o servizo