Propostas do BNG para garantir o dereito á vivenda de toda a veciñanza
Cómpre unha política pública decidida que mobilice o parque de vivenda, promova o alugueiro accesíbel e regule o uso turístico da vivenda
Cómpre unha política pública decidida que mobilice o parque de vivenda, promova o alugueiro accesíbel e regule o uso turístico da vivenda
A vivenda é un dereito universal, ou así se recoñece na lexislación vixente, mais nos últimos anos o acceso á vivenda estase a converter nun problema de primeira orde, especialmente para a nosa mocidade. Os altos prezos, a especulación e a proliferación de vivendas destinadas ao uso turístico levan a unha escaseza considerábel de pisos e casas no mercado.
No noso concello, cunha alta actividade turística, moitos inmóbeis son destinados a usos turísticos de curta duración, segundo datos da Xunta, o número de vivendas de uso turístico (VUT) sitúase nas 154, aínda que a cifra real pode ser máis elevada. Esta proliferación supón unha redución da oferta de vivenda dispoñíbel para alugueiro e unha carga adicional para os servizos públicos municipais (ao non existir unha taxa turística que compense o uso intensivo dos servizos e infraestruturas municipais).
No BNG estamos preocupadas perante esta realidade e cremos que é o momento de tomar medidas, creando un plan municipal de vivenda que impida que o problema medre e se volva imposíbel de xestionar. Consideramos que a vivenda debe ser un dereito garantido polas administracións públicas e non un ben suxeito á especulación. Cómpre unha política pública decidida que mobilice o parque de vivenda, promova o alugueiro accesíbel e regule o uso turístico da vivenda.
A día de hoxe, existe en Betanzos un elevado número de vivendas baleiras (arredor do 32% do total). Propoñemos crear un censo de vivenda baleira e realizar un rexistro detallado das vivendas desocupadas no municipio, estabelecendo unha bolsa de vivenda en alugueiro e venda con prezos taxados.
Da mesma maneira, cremos que é necesario regular e poñer límite ás vivendas de uso turístico: estabelecer unha ordenanza municipal que regule as vivendas de uso turístico, esixindo o seu rexistro e licenza correspondente, e limitando o número destas por zonas. Cómpre controlar a súa proliferación, evitar que prexudique a convivencia na zona histórica de Betanzos e asegurar que contribúen ao mantemento dos servizos públicos cunha taxa turística.
Mais, como resulta evidente, a principal proposta xira arredor da rehabilitación de vivendas, especialmente no casco histórico. Como xa vimos pedindo ao longo dos anos, o goberno local debe implantar programas de axuda á rehabilitación de inmóbeis en estado de abandono ou ruína, facilitando a súa posta en uso como vivendas habituais. Así, incrementaríase a oferta de vivenda e tamén melloraría a imaxe do casco histórico e doutras zonas da cidade.
No BNG estamos seguras de que este tipo de medidas permitiríanlle a Betanzos afrontar de maneira integral os desafíos actuais en materia de vivenda, garantindo o dereito a unha vivenda digna para toda a veciñanza e promovendo un desenvolvemento urbano sustentábel e equilibrada.