BNG- Asembleas Abertas propón mudar o contrato da luz do Concello a unha cooperativa verde
Hai que explorar todas as posibilidades para ver se é factíbel aproveitar o muíño que o Concello ten en Caraña de Abaixo para xenerar enerxía e reducir o consumo eléctrico do Concello, rebaixar a factura e dedicar eses cartos que aforremos a mellorar outros servizos
Betanzos, 7 de maio de 2015. O BNG- Asembleas Abertas comprometeuse a estudar a posibilidade de cambiar o contrato de subministro de enerxía eléctrica ao Concello. A proposta dos nacionalistas é traballar con cooperativas que produzan de xeito limpo e sostíbel a enerxía eléctrica e que xeneren, ademais, valor engadido no país.
En decembro de 2014 pedimos revisar a facturación que a eléctrica que surte ao Concello estaba a facer e resultou que cobrara 70 000 euros de máis ao Concello explica o candidato de BNG- Asembleas Abertas á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río. Entendemos que non só non se pode dar por bo este comportamento da empresa, senón que hai que actuar en consecuencia porque eses cartos son da veciñanza e teñen que servir para mellorar os servizos que recibe, engade.
Neste sentido, os nacionalistas levan a súa aposta polas enerxías limpas e renovábeis máis alá ao comprometerse a fomentar entre a poboación as enerxías limpas e alternativas, facilitando asesoramento técnico ou de xestión de subvencións. Evidentemente, o primeiro será tamén informar de como funciona o sector e como se calcula a factura eléctrica, algo que xa fixemos nesta lexislatura tamén desde a oposición, explica.
O BNG- Asembleas Abertas entende, ademais, que é necesario reducir o número de farolas en rúas cunha cantidade excesiva delas, como a rúa Travesa ou a Avenida García Naveira. O cambio a ledes, menos contaminantes e cun consumo menor, é outro pequeno paso para reducir o que pagamamos todas as veciñas e veciños pola luz, asegura Del Río.
Xunto con estas propostas, os nacionalistas propoñen tamén mudar a iluminación das festas por alternativas que reduzan ou directamente non supoñan un consumo de enerxía electrica. Ademais de pagar menos polo recibo da luz e reducir a contaminación, tamén permite elaborar as arcadas das festas de xeito participativo, apostando pola reciclaxe e involucrando á veciñanza, explica o candidato de BNG- Asembleas Abertas.
Medidas máis ambiciosas: aproveitar o muíño municipal para xenerar enerxía
Os nacionalistas estudarán tamén a posibilidade de cambiar os dereitos de aproveitamento do muíño que o Concello adquiriu en Caraña de Abaixo. Hai que explorar todas as posibilidades para ver se é factíbel aproveitar o muíño para xenerar enerxía e reducir o consumo eléctrico do Concello, rebaixar a factura e dedicar eses cartos que aforremos a mellorar outros servizos, explica.