O BNG-Asembleas Abertas propón a marca feito en Betanzos para promover a produción local
Un banco de terras e unha cooperativa vinícola son outras propostas para crear emprego no sector agrario.
Betanzos, 21 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas poñerá en marcha un banco de terras a partir dos máis de 20 000 metros cadrados que o Concello posúe en Touriñao. Preservando a zona de humidal, cederanse parcelas a quen as queira cultivar, ben para autoconsumo ou ben para cultivo profesional, explica o candidato nacionalista, Henrique del Río.
Para isto, as nacionalistas propoñen apoiar aos produtores, con accións formativas e informando sobre as xestións administrativas necesarias para levar adiante o seu traballo. Neste sentido, propoñen crear unha que identifique a produción local Feito en Betanzos. Axudará á veciñanza a apoiar os produtos locais e proxectará unha imaxe de calidade e produción sustentábel explica Del Río, que avoga mesmo por crear un web específico para os produtos acollidos á marca Feito en Betanzos cunha plataforma de venda online.
Xunto coa promoción do mercado, desde o BNG-Asembleas Abertas apostan por revisar a política de compras municipais dándolle prioridade ao abastecemento en mercados e produtores locais. Hai que utilizar todos os actos e soportes do Concello como un escaparate da produción local, explica o candidato. Neste sentido, as nacionalistas propoñen organizar mercados sectoriais nas prazas do Casco Histórico con produtos de tempada, ecolóxicos ou conservas.
Un programa de hortas comunitarias a carón dos ríos é outra das propostas das nacionalistas. Ten a dobre finalidade de promover a agricultura ecolóxica e conservar a riqueza ambiental, paisaxística e etnográfica das beiras de Mendo e Mandeo engade o candidato nacionalista. Cun programa de compostaxe comunitaria estaremos, ademais, reducindo a factura do lixo e xerando o abono preciso para sostelas, explica Del Río.
Do mesmo xeito, as nacionalistas promoverán a creación de cooperativas nos barrios e parroquias orientadas a satisfacer as necesidades básicas da veciñanza. Reciclar aceite para facer xabón, por exemplo, abre novas oportunidades de emprego e os locais sociais infrautilizados son un bo lugar para poñer en marcha este tipo de experiencias, salienta Del Río.
Unha cooperativa para xerar emprego en torno ao viño
O viño é unha grande oportunidade de desenvolvemento local se se sabe aproveitar explican os nacionalistas, que defenden protexer todo o chan de viñedo existente e unha zona colindante para ampliar a produción, para garantir espazo para esta actividade económica.
En paralelo, as nacionalistas impulsarán a creación dunha cooperativa vinícola para garantir emprego vinculado ao sector. Ademais, para acrecentar a singularidade dos caldos betanceiros, abordaranse o rexistro como variedades comerciais das castas autóctonas que aínda non estean recoñecidas como tais, como o roibal.
Ademais desde BNG-Asembleas Abertas buscarán potenciar turísticamente todo o ciclo produtivo do viño, a fin de convertelo nun activo máis para a cidade. Neste sentido, poñerán en valor as adegas do viño do país polo seu valor cultural e etnográfico.