O BNG-Asembleas abertas defendeu na Ribeira un uso do Matadeiro compatíbel co descanso da veciñanza
Del Río: Pensamos que é necesario adoptar medidas para minimizar os efectos das mareas no barrio. Limparemos periodicamente das beiras do río
Betanzos, 19 de maio de 2015. O BNG-Asembleas abertas celebrou hoxe un encontro aberto coa veciñanza da Ribeira na que lle explicou as súas propostas para o barrio, que previamente recolleu na súa asemblea aberta e nos buzóns que estiveron depositados en negocios de hostalería do barrio. No encontro interviñeron Silvia Aguiar e Henrique del Río, candidato á alcaldía polo BNG-Asembleas abertas.
Defendemos darlle ao Matadeiro un uso compatíbel co descanso dos veciños e veciñas, explicou o candidato nacionalista Henrique del Río. O Matadeiro non é unha sala de festas e non é función do Concello poñer a disposición da veciñanza e das empresas un local para facer festas privadas. Defendemos o uso do Matadeiro como local social para conferencias, exposicións, cursos e outros usos pero compatíbeis co descanso da veciñanza da Ribeira.
Pensamos que é necesario adoptar medidas para minimizar os efectos das mareas no barrio. Limparemos periodicamente das beiras do río e sinalizar e desviar o tráfico cando se prevean mareas vivas para evitar que as ondas que levanta o trafico faga que a auga se introduza nos baixos e negocios, propuxo o candidato do BNG-Asembleas abertas.
Para buscar unha solución permanente ao problema das inundacións empezaremos por requirir do Ministerio os estudos e proxectos que teñen elaborados para valorar a súa viabilidade coa veciñanza do barrio, engadiu Del Río.
Tamén é importante sinalizar adecuadamente o paseo do Malecón son sinais e pintando adecuadamente a estrada para evitar o tráfico en sentido contrario, explicou o candidato nacionalista, levamos tempo reclamando ao goberno local que o sinalice adecuadamente sen moito éxito aínda que é unha medida que non ten un alto custo e que é só cuestión de vontade política.
Desde o BNG-Asembleas abertas trasladaron tamén outras propostas recollidas da propia veciñanza como a limpeza dos peiraos e mellora dos puntos de atraque, chegar a un acordo con Portos para retirar as embarcacións abandonadas ou realizar un mantemento adecuado da ponte de madeira.