O BNG-Asembleas Abertas presenta un programa centrado na creación de emprego
Un dos piares fundamentais no programa de goberno do BNG-Asembleas Abertas é a transparencia, a información e a participación cidadá. Un cambio na forma de facer política, gobernando co pobo e non de costas a el
Betanzos, 30 de abril de 2015. O BNG-Asembleas abertas presentou hoxe en Betanzos as liñas máis importantes do seu programa de goberno nun encontro no que participou o candidato á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, xunto con Teresa Rivera e Carlos Díaz, números dous e tres da candidatura do BNG-Asembleas abertas.
Elaboramos o programa recollendo propostas da veciñanza a través de encontros sectoriais, xuntanzas cos diferentes colectivos, buzóns para facer propostas nos diferentes barrios e parroquias que contarán cun programa específico e un buzón dixital na nosa web, explicou Del Río, a participación da xente no noso proxecto é fundamental e por iso quixemos incorporar todas as propostas dos nosos veciños e veciñas.
Un dos piares fundamentais no programa de goberno do BNG é a transparencia, a información e a participación cidadá. Un cambio na forma de facer política, gobernando co pobo e non de costas a el, explicou o candidato nacionalista. Participación da veciñanza nos orzamentos e no deseño do Plan Xeral e outros documentos de importancia, converter a web municipal nun instrumento de información e non en mera propaganda con información dos contratos, das remuneracións dos membros da corporación, dos acordos... pensamos que é básico que todas as persoas que viven en Betanzos poidan participar das políticas do Concello.
Outro dos eixos fundamentais do programa do BNG-Asembleas Abertas é a creación de emprego, que é o problema máis grave que sofren os betanceiros e betanceiras, engadiu. Centraremos todos os esforzos para crear emprego e conseguir que poidan volver a vivir e traballar en Betanzos todas as mozas e mozos que se viron obrigados a emigrar en busca dun traballo.
O terceiro eixo fundamental é a defensa dos servizos públicos e a loita contra as privatizacións e os recortes que impón o PP desde o goberno da Xunta e do Estado. Defendemos uns servizos públicos e de calidade e propomos remunicipalizar a traída da auga, o saneamento ou a piscina e o polideportivo. Os servizos públicos son máis baratos, máis eficientes e contribúen a crear emprego de calidade e a loitar contra as corruptelas que vemos todos os días, concluíu.
Desde o BNG-Asembleas abertas quixeron pór no punto de mira as políticas de igualdade, transversais en todo o seu programa. Trátase dunha cuestión fundamental, de xustiza social, explicou Carlos Díaz. Elaboraremos un Plan de Igualdade para aplicalo realmente, con reflexo nos orzamentos, e deixaremos de financiar actos que perpetuan os roles machistas como a raíña das festas, engadiu.
A responsábel comarcal do BNG, Cristina López, explicou o deseño básico da campaña electoral nas Mariñas. Parécenos lamentábel no momento que vivimos o dispendio de cartos en propaganda, e nese sentido nos imos facer unha campaña de encontros coa veciñanza para explicar as nosas propostas baseada no esforzo voluntario das persoas que se integraron no proxecto BNG-Asembleas abertas, indicou, e anunciou encontros nas diferentes localidades, barrios e parroquias nunha campaña sen grandes gastos económicos e baseada no trato coa xente.