O BNG-Asembleas Abertas comprométese a cumprir dunha vez a Lei de Memoria Histórica
Onte o PSOE se acordou de levarlle unhas flores a unha bandeira para homenaxear a República, pero o resto do ano agravia a memoria das persoas represaliadas polo franquismo ao manter as honras públicas aos cómplices dos asasinos
Betanzos, 15 de abril de 2015. O BNG-Asembleas Abertas comprometeuse no próximo mandato municipal a aplicar a Lei de Memoria Histórica e retirarlle as honras públicas a todos os xerarcas franquistas que aínda se asoman ao rueiro de Betanzos. O candidato nacionalista, Henrique del Río, fixo este compromiso a raíz da deixación e dobre moral política do goberno local do PSOE que se acorda onte de lle levar unhas flores a unha bandeira para homenaxear a República, pero o resto do ano agravia a memoria das persoas represaliadas polo franquismo ao manter as honras públicas aos cómplices dos asasinos.
Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas afirma que terminará coa conduta que o goberno do PSOE levou a cabo nestes catro anos resistíndose a aplicar unha lei impulsada por eles mesmos no Estado. Trátase de cambiar apenas media ducia de pracas das rúas, pero supón reparar a memoria das vítimas dos fascistas, tanto das que foron asasinadas como das que sufriron humillacións públicas por anos, engade o nacionalista.
O candidato do BNG-Asembleas Abertas manifestou ademais que non só non se aplica a lei e os diferentes acordos que o Pleno aprobou para retirar todas as honras aos franquistas, senón que o PSOE anuncia fachendoso nos medios de comunicación que acaba de colocar unha praca na rúa Martín Ballestero, dedicada a un gobernador civil e xefe da Falange. Era o momento de renomear a rúa e rotulala para facerlle a vida máis doada á veciñanza, asegura.
A fama de ser a cidade que máis honras públicas aos franquistas consérvaa a Coruña, pero en proporción Betanzos ten moitos máis recoñecementos aos fascistas, e o goberno municipal do PSOE é o principal motivo disto, lamentan desde o BNG.
BNG-Asembleas Abertas retirará todas as honras públicas aos franquistas
Ningunha persoa que colaborou activa e decididamente en manter o réxime nacido do golpe de estado do 1936 ocupando cargos públicos merece o recoñecemento dunha sociedade democrática sosteñen os nacionalistas. Por este motivo, BNG-Asembleas Abertas incluirá no seu programa un apartado sobre a memoria histórica.
BNG-Asembleas Abertas comprométese a retirar todas as honras públicas que Betanzos mantén aínda hoxe a todos os xerarcas fascistas e a impulsar a rehabilitación social das vítimas do franquismo. É unha cuestión de xustiza e é o mínimo que pode facer unha sociedade democrática, explica o candidato de BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.
As vítimas do franquismo, tanto as persoas que foron asasinadas, como as que foron represaliadas e as súas familias, teñen dereito a unha reparación digna e non discriminatoria e a ver que o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes contra a humanidade remata, engaden.
Documentación: dúas mocións neste mandato para retirar as honras públicas aos franquistas
Debate plenario sobre moción do BNG en relación a cumprimento da Lei 52-2007 da memoria histórica
Debate plenbario sobre a moción do BNG de apoio a querela arxentina contra os crimenes do franquismo